jueves. 16.07.2020 |
El tiempo
jueves. 16.07.2020
El tiempo

Rafael Dieste, dende a fiestra

O escritor Luís Rei redimensiona a figura de Rafael Dieste nesta biografía, Rafael Dieste. O libre pensamento (Xerais), que se converte nun percorrido por diferentes momentos, xeografías e compañas que amosan a transversalidade dun pensar centrado no ser humano e no interese por todo o que lle afecta por enriba de calquera veleidade

Rafael Dieste
Rafael Dieste

NON SEMPRE ben comprendido. Non sempre aceptado pola súa liberdade de pensamento dentro dunhas décadas de grandes tensións ideolóxicas e vitais, o devir de Rafael Dieste (Rianxo 1899; Santiago, 1981) tivo moito de convulso. A historia non lle foi agradecida, abofé que por esa posición irrenunciábel do que consideraba preciso para Galicia, pero sobre todo para a cultura como berce do ser humano fronte a intransixencia e, en moitos casos, ante a barbarie.

Luís Rei, excelente narrador, converte a Rafael Dieste no protagonista dunha novela na que os latexos da vida son os que fían unha historia que atravesa por diferentes momentos do século XX, esenciais para unha Galicia que se debatía a si mesma nas cobizosas primeiras décadas dese século, ata que chegou a senrazón do levantamento militar do 36. Luís Rei mergúllase de vagar no home, pero tamén no autor e no protagonista de tempos convulsos en escenarios diversos, dende o seu Rianxo natal, a súa implicación ao lado da República na Guerra Civil, o exilio en Bos Aires ou as súas clases en Cambridge e Monterrey, ata a súa volta a Galicia nos anos 60.

Dúas das súas obras son xa parte fulcral da nosa escrita. O conxunto de relatos Dos arquivos do trasno (1926) e a obra teatral A fiestra valdeira (1927). Ambas sitúan o noso protagonista dentro daquel momento de vangarda que se compuxo nos anos 20 en Galicia dende diferentes correntes creativas; non só literarias, senón tamén plásticas. Un desexo de renovación que se inxería nun contexto global de vencellar a cultura ao mellor desenvolvemento do ser humano fronte a un tempo do que se era plenamente consciente por parte dos artistas de que se tiña que superar. O novo mundo que se construía dende o progreso científico e social tiña tamén a súa correspondencia no eido artístico e nomes como Rafael Dieste fixeron desa bandeira, a da cultura, a única que pagaría a pena ondear ao longo de toda a vida.

 Comezando polo Rianxo mariñeiro de principios de século, onde de xeito case cosmogónico foron nacer Castelao, Rafael Dieste e Manoel Antonio nunha marxe de catro anos


Un fondo proceso de documentación a cargo de Luís Rei, así como a súa brillante narrativa, xa demostrada en diferentes novelas, así como no relatorio de diferentes personaxes en escritos que converxen entre o histórico e o novelístico como O señor Lugrís e a negra sombra (2007) ou O encargo do señor Castelao (2016), converten esta biografía nun libro que funciona como unha valiosa crónica de cada un dos episodios nos que Rafael Dieste participou como protagonista activo. Comezando polo Rianxo mariñeiro de principios de século, onde de xeito case cosmogónico foron nacer Castelao, Rafael Dieste e Manoel Antonio nunha marxe de catro anos. Ese eido popular comezaba a colisionar co interese dunha nova xeración que mirabá máis alá, interesada por unha nova estética que rachase o devir dunha Galicia de postal e conxelada na esclerose do século XIX.

 Madrid e o mundo das tertulias nos cafés —especialmente La Granja del Henar— acolleron a Rafael Dieste nos anos da República coa súa exaltación cultural da que o rianxeiro foi un salientábel protagonista, ao participar do proxecto das Misións Pedagóxicas vencellándose ao Teatro Guiñol. María Zambrano, Pedro Salinas, Luis Cernuda, Ramón Gaya, Otero Espasandín, Arturo Serrano Plaja, José Bergamín, Antonio Machado... eran nomes cos que se integrou este galego que, baixo os sons das bombas e o ronsel do sangue dos compatriotas, asumiu proxectos editoriais como as revistas Nova Galiza, impulsada por Castelao en Barcelona, ou Hora de España, que sae do prelo republicano en Valencia. Son publicacións nas que a cultura eran o xeito de abrir unha fenda de esperanza ante o dramático dun presente ao que non se lle atopaba saída.

Eses valores culturais nese desexo de todo humanista de compartir todo o que non lle fose alleo o ser humano ía a ser o arame polo que se moveu Dieste. Cando chegou a hora do exilio, xa da man da súa inseparábel Carmen Muñoz, chegou ata Bos Aires. "O día 11 de xullo de 1939 aportan os Dieste en Bos Aires", escribe Luís Rei, para ser alí acollido pola gran colonia galega que chegara fuxindo da guerra. Os Luis Seoane, Arturo Cuadrado, Colmeiro, Lorenzo Varela ou Maruja Mallo atoparon na súa sensibilidade, compromiso e bo facer unha peza ben importante no seu labor de seguir mantendo aceso o vencello coa patria alén do mar.

Rápidamente, Seoane tira del e pídelle que se ocupe dos primeiros titulos da colección de poesía Dorna para a editorial que dirixe, Emecé. Dieste bota man da súa terra, para que os dous primeiros títulos sexan, a esencial obra da nosa poesía, De catro a catro de Manoel Antonio, e unha nova edición —ampliada con media ducia de poemas— do seu poemario Rojo farol amante. Xunto con Carmen entra a traballar na editorial Atlántida da man dunha vella amiga dos tempos de La Granja del Henar, Maruja Mallo.

Alí abre o abano de títulos da editorial e crea a colección Oro de cultura xeral. Ambos comezan a integrarse no ambiente porteño, o café Tortoni recupera a sinerxia vital do faladoiro. A editorial Nova, en mans de Seoane, volve precisar de Dieste e se lle pide unha obra inédita no campo da narrativa, así comezará a levedar o seu gran título desta época; Historias e invenciones de Félix Muriel (1943), que de novo nos pon ante un libro de relatos nos que a súa xeografía íntima das terras do Barbanza medran no seu interior nunha sorte de primixenio realismo máxico que algúns queren ver xa nesta narración austral.

Entre 1949 e 1952 permanece na Universidade de Cambridge como lector de español e posteriormente será profesor no Instituto Tecnolóxico de Monterrey, en México. É este un bo tempo, co autor dando clases de Lingua e Historia da Literatura Española nun ambiente académico, tranquilo e que permite desenvolver un bo traballo. Nesa procura polo coñecemento comeza a escribir sobre as matemáticas. Todo un desafío que agroma en diferentes ensaios sobre os problemas de Euclides, Rieman ou Lobatchevski, e que de novo xeran rexeitamento, desta vez entre a comunidade científica.

En 1967 Rafael Dieste entra por unanimidade na Real Academia Galega. O encontro cos amigos reconcíliao coa terra e o estertor franquista alenta un novo horizonte

Rafael Dieste só atende ao seu camiño e nese camiño chegáballe á hora do regreso a súa terra. Pouco a pouco aqueles nomes galegos que chegaran a Bos Aires ían voltando. Primeiro Madrid e despois Galicia, en 1961; a Galicia na que Seoane e Isaac Díaz Pardo fundan o Laboratorio de Formas, e ben cerquiña del os Dieste chantan, en palabras de Luís Rei, "a punta do compás" nun piso que visitou en numerosas ocasións o biógrafo para beber directamente do maxisterio do rianxeiro.

En 1967 Rafael Dieste entra por unanimidade na Real Academia Galega. O encontro cos amigos reconcíliao coa terra e o estertor franquista alenta un novo horizonte. Dende Alemaña recupérase a colección completa da revista Hora de España, Galaxia volve a facer unha tiraxe de Dos arquivos do trasno e Alianza Editorial publicará Historias e invenciones de Félix Muriel, moi alabado entón pola crítica e que coloca o escritor nun posto que lle fora negado. Porén, onde tería que haber narrativa, voltan as matemáticas propoñer a absoluta liberdade á hora da escolla do que ten que facer. En 1975 publícase Testamento xeométrico. Os problemas de visión merman a súa saúde e unha noite na que se atopa na vivenda natal de Rianxo unha fatal caída polas escaleiras fai que chegue en coma á clinica La Rosaleda en Compostela na que falece uns poucos días despois, o 15 de outubro de 1981.

Luís Rei achéganos ao autor e o seu pano de fondo. Unha vida e as súas circunstancias, enguedellando así unha apaixonante historia vital que vén a completar a escrita en 1987 por el mesmo e publicada en Edicións do Castro. Trinta e dous anos despois volve o regato a ter auga, medrando en contidos e atinadas propostas que desaugan na ría de Arousa, a primeira visión daquel rapaz e "cuxas ondas case lles bican os pés ás pedras do zuncho" daquela casa na que todo comezou e na que todo rematou.

Rafael Dieste, dende a fiestra
Comentarios