jueves. 21.01.2021 |
El tiempo
jueves. 21.01.2021
El tiempo

Sedimentos biográficos

Caosmos é a obra de Antón Patiño que ocupa boa parte do CGAC de Santiago para convidarnos a participar dun feito inmersivo na súa pintura, a maneira de explorar unha realidade que, neste tempo complexo, se desentraña tamén nun longo texto titulado O libro dos lugares 2.

UNHA ESCRITA tridimensional que fai achega aos sentimentos". Esta é a primera frase do Libro dos lugares 2 que, dende o prelo da Editorial Elvira, nos sitúa ante unha tridimensionalidade que vai máis alá da propia escrita, unha tridimensionalidade de pensamento e de acción pictórica que nos vai ubicar nese acubillo magmático que xorde da lectura e do percorrido pola ampla exposición que Antón Patiño ten no Centro Galego de Arte Contemporánea ata o mes de xaneiro.

Falar destas dúas cuestións, exposición e libro, é falar dunha mesma cousa. Dunha mesma capacidade para percibir e traducir a nosa identidade dende unha sensibilidade que apela directamente ao sensorial, a esa capacidade humana tan aletargada polas numerosas contaminacións que nos ofrece o mundo actual. Inmersos nun oceano moral e conceptual absolutamente chapapotizado a simboloxía de Antón Patiño é unha sorte de escaleira para tentar fuxir del. Nun primeiro lugar ofrécenos tempo, cando  iso é o que primeiro nos rouba a sociedade, someténdonos a présas e a contidos esmagadores na súa face visual, pero baleiros en canto a un fondo do que poder aproveitar algo para a nosa formación. Con ese tempo gañado, con esa decisión de adicarnos a percorrer unha exposición, ou a sentarnos a ler as súas palabras, os chanzos da escaleira amosan diferentes medidas, variadas alturas que, como socalcos dunha desas viñas que rodean o seu Monforte natal, obríganos a un esforzo que logo será ben recompensado.

Cada un deses estratos é un camiñar na súa vida, unha mirada ao feito dende un compromiso irrenunciable co universo plástico como xeito de expoñerse ante o vivido. Atopamos así unha pintura baseada na experiencia corporal que se expande polo territorio, colonizando non só centímetros cadrados senón tamén unha proxección conceptual que se bota ao espectador para integralo nese burbulleo da pintura engaiolante polo bo plantexamento feito polo comisario, Alberto Ruiz de Samaniego, como polo artista. Pintura expandida, pintura de acción feita en clave oceánica. Ondas que veñen e van nun mar que son moitos mares. Fermosos, si, pero tamén comprometidos coa dor, con aquela labazada que ennegreceu escumas, costas e almas para entender a catástrofe como fenda en nós mesmos.

 Aquel barco, co seu corazón repugnante vomitando o seu fedor, prolongouse nos despachos con decisións que promoveron a alerta dunha cidadanía que, durante uns meses, espertou dun sopor ao que semella voltar nos últimos tempos. Aquelas voces, aqueles berros, parecen resoar aínda entre as pinturas de Antón Patiño. Cantos de serea dende os que movernos entre verdes e azuis, entre pingas negras, pero sobre todo, son unha alarma que deberiamos entender como permanente na nosa travesía.

espazo convértese nunha nova parada, nunha estación termini dende a que asomarse a toda unha xeración


Antes diso foi Atlántica, outra labazada na noite pecha, na longa noite de pedra que, tamén no artístico, precisou dunha colectividade creativa para artellar unha nova faciana de cor, forma e esperanza. Ao carón dese territorio un espazo que se converte nunha nova parada, nunha estación termini dende a que asomarse a toda unha xeración. Cabelos longos, gafas de pasta negra, libros, viaxes e amizades que converxen nunha nova sedimentación vital.

Baixamos máis escaleiras, as físicas da arquitectura de Álvaro Siza, para atender a toda unha cosmoloxía do símbolo. Un territorio sinalado para seguir nesa inmersión visual polo océano da pintura. Cada espazo é un chanzo máis, cada mirada unha percepción do vivido, das horas no taller, da comprensión e reflexión sobre unha existencia na permanente procura desa intuición que se transforma en pegada, en rastro para que o espectador intente, tamén, configurar o seu itinerario ata esa praia de Ítaca que atopamos ao final. Un pequeno recuncho, un Inventario de escumas co que descansar da travesía, no que sentir a auga nos pés, un xogo coas nosas dedas que reforza esa percepción existencial que rescatamos en toda a mostra, unha sensorialidade que nos devolve a nós mesmos e ao noso corpo como principio e fin do que somos.

"Figurabamos estar sentados na beira do tempo", escribe Antón Patiño na súa Ladaíña do infinito no Libro dos lugares 2. Quizais sexa así como se percibe o tempo, abeirado nas súas orelas, aínda que de cando en cando, convén facer dese tempo un espello no que proxectarse, tanto un mesmo como o feito para darse conta, dese xeito, de que un Caosmos é o que nos rodea.

Sedimentos biográficos
Comentarios