lunes. 13.07.2020 |
El tiempo
lunes. 13.07.2020
El tiempo

Son eu, Laxeiro

Dezaoito autorretratos permítennos comprobar cómo se vía a si mesmo Laxeiro, pero tamén cómo a pintura plantexaba, ao longo do tempo, un conflito en canto as súas posibilidades de representación. A mostra atópase enxerida na Colección Permanente da súa Fundación en Vigo.

ESTA É A PRIMEIRA vez que se reúnen nunha exposición a totalidade dos 18 autorretratos coñecidos do pintor lalinense. Dezaoito pezas que, entre os anos vinte e os anos 80, configuraron a imaxe plástica de Laxeiro, para, ao tempo que amosaba cal era a súa percepción propia, plantexar tamén, dende un dos xéneros tradicionais da pintura como é o do retrato, a súa evolución pictórica.

Baixo o comisariado de Carlos L. Bernárdez a exposición plantéxase dun xeito arriscado pero ao final da súa contemplación amósase moi ilustrativa para o visitante, xa que a ubicación dos autorretratos na sede da súa Fundación, entre o resto da colección permanente, permite afondar no coñecemento da súa propia obra a partir desa identidade do eu creador. Moitas pezas teñen inscritas a expresión Son eu, que o propio autor asina de xeito identitario como a construción do artista fronte ao resto de creadores, e a reivindicación da súa singularidade no eido plástico.

Cinco das pezas forman parte da colección permanente da Fundación pero o resto son préstamos de diferentes coleccionistas que nos levan a descubrir obras realmente interesantes e que nunca foron amosadas ante o público. Así é como atoparse con obras como o seu Autorretrato de 1948, un óleo sobre lenzo propiedade da Colección BBVA de Madrid, é todo un tratado da capacidade do retrato por converterse nun camiño á introspección psicolóxica do representado. Laxeiro amósase como alguén alerta ante o que acontece ao seu arredor, alguén coa confianza precisa como para retar coa súa mirada ao espectador e para comunicarlle que a través deses ollos é quen de contemplar o mundo que quere pintar.

De xeito similar, traballos como o seu autorretrato de 1934-35, o debuxo en tinta publicado en El Pueblo Gallego en 1932, ou unha acuarela de 1930, son pezas que, dende técnicas diferentes, amosan a súa riqueza á hora de reflectirse sobre o soporte. Tamén os sucesivos traballos van a amosar como mudou o estilo do pintor. A liña, a estética do granito, a abstracción informalista, o cubismo... estacións de paso dun pintor que nunca renunciou a nada para facer da pintura unha canle emocional coa realidade. Nesa emoción é na que caemos ao percorrer a mostra, ao ollar esas faces de quen é intérprete da realidade, de quen comeza a facer do retrato un camiño de experimentación. Dende o achegamento á propia pintura pero tamén un espazo para a madurez do artista, a consolidación do oficio, o orgullo do creador; e co tempo as dúbidas, o tentar ter acceso a outro tipo de linguaxes, de pinceladas que discuten sobre si mesmas e que perturban a realidade para, dende o xeito de observación do pintor, conducirse por novos vieiros como obriga de todo artista que se teña por tal.

Este tipo de exposicións baseadas nunha concepción transversal en canto á cronoloxía permiten unha lectura máis rica e global desa longa carreira

A dimensión do pintor nado en 1908 é tan ampla na nosa plástica que a súa figura non deixa de propiciar novas lecturas e impresións arredor da súa obra. Se certas etapas cronolóxicas da súa longa traxectoria —Laxeiro falece en 1996— atópanse ben estudadas e perfectamente analizadas, este tipo de exposicións baseadas nunha concepción transversal en canto á cronoloxía permiten unha lectura máis rica e global desa longa carreira. Nesta oportunidade, ao atoparse xunto ao conxunto máis sobranceiro da súa obra, temos unha extraordinaria ocasión de mergullarnos na súa obra para entender a evolución do seu traballo e como ese camiñar tivo na súa propia representación un sobranceiro chanzo.

Son eu. Dezaoito autorretratos de Laxeiro. Da afirmación á disolución do suxeito, tal e como titulou a mostra o seu comisario, estará aberta ata o 17 de maio, converténdose nun xeito de cruzar miradas cun dos nosos grandes referentes da pintura. Un pintor que se gababa de si mesmo, cun carácter extrovertido e que, dende logo, nunca dubidou en reflectirse a si mesmo, ao seu eu.

Son eu, Laxeiro
Comentarios