Jueves. 21.02.2019 |
El tiempo
Jueves. 21.02.2019
El tiempo

Soñando na espiral

Menchu Lamas converte de novo a pintura nunha exaltación dos sentidos. A conformación dun universo sensorial onde todo provoca no ser humano unha especie de ledicia que estimula a nosa mente para entender a pintura coma un territorio cheo de soños para o ser humano

ATA O 8 de marzo, Día da Muller, podemos achegarnos á compostelana galería Luisa Pita para deixarnos levar pola pintura de Menchu Lamas, para formar parte desa espiral pictórica que nos engule como xeito de transportarnos a todo un universo de cores, formas e pegadas, cheo de estímulos para o ser humano. O pequeno espazo da galería semella levedar coas posiblidades que ofrece a súa pintura. Con esa cor que, coma un berro, chama a nosa atención; con xeometrías que semellan xerar novas profundidades no lenzo ou eses rastros que asoman por algúns dos seus cadros, prolongando a todo o espazo físico o espazo interior desas obras. Obras que nos levan a diferentes momentos da autora, non todos son pezas recentes, unha maneira de explicar e de explicarse a si mesma, de saber de onde proceden as cousas e como o traballo, e o traballo pictórico en concreto, é o froito dun camiño experimental. Ese nomadismo é o que vén de pechar na súa ampla exposición no Museo Artium de Vitoria co título de Cores nómadas, agora as cores regresan a casa, a súa Galicia, para seguir alimentándose desa enerxía telúrica que tamén asexa nas súas obras.

A cor como sinal, como marca; tamén o trazo como xesto que, dende o individual, engloba ao colectivo. Toda unha serie de pegadas inxeridas no territorio pictórico que non son máis que a nosa propia presenza, a identificación do eu nesas franxas de cor, nesas cuadrículas que definen o colectivo pero do que sae a individualidade: unha man, un perfil, unha liña que reflicte un camiño. En definitiva, un tránsito vital ao que a pintura achega a sensibilidade precisa para saír do esgotamento no que adoitamos atoparnos, para xerar esa vibración dos soños no cal poder optimizar as nosas posibilidades. Esa capacidade terapéutica que ten a pintura en Menchu Lamas é dunha efectividade plena, non só amplía de xeito milagroso, as posibilidades espaciais do marco físico da galería; senon tamén as posibilidades sensoriais da propia persoa, engaiolada por todas esas percepcións. Máis aínda pola espiral, tan presente, e que nomea á exposición para nomearnos a todos.

A espiral como camiño hacia nós mesmos, a procura dese eu que moitas veces esquecemos distraídos ante tanta contaminación como xorde deste balbordo mediático no que estamos inmersos. Signo de carácter prehistórico a espiral proponse como proceso evolutivo, pero tamén como dialéctica feminina á hora de reflectir os ciclos da vida, a súa enerxía, a fertilidade...

Un devir natural que en Menchu Lamas acadou nos últimos tempos un chanzo máis na súa propia espiral ao acceder á Academia Galega de Belas Artes, un ámbito no que as mulleres ata hai ben pouco non eran ben recibidas, ou polo menos, tiñan escaseza en número, como a artista afirmaba. Lamas xa foi abanderada coa súa pintura dentro do colectivo ‘Atlántica’ desa presenza da muller en certos ámbitos moi limitados ao masculinizado, así que esa recente decisión da Academia vólvenos poñer no camiño da necesidade de que tamén a arte, de que a pintura, xenere as sinerxias necesarias na nosa sociedade para igualar os ámbitos de presenza.

Dende a pintura, dende a súa condición de creadora é dende onde realmente se fai presente Menchu Lamas durante estas semanas —na galería Luisa Pita—, dende alí, a súa proposta íntima, ao estar afastada dos grandes formatos, xera no espectador unha maior introspección das súas compoñentes, desa dualidade entre a abstracción e a figuración —aquí fragmentada—, quizais a mellor maneira de explicar o que somos, pezas que se moven por unha espiral na que nunca sabemos como nos vai ir.

Soñando na espiral
Comentarios