jueves. 16.07.2020 |
El tiempo
jueves. 16.07.2020
El tiempo

Un corpo. Un continente

Transmatria, é o XXI Premio Johán Carballeira de Poesía, pero tamén un afouto percorrido polo corpo como espazo de resistencia, tamén como berro para definir unha identidade íntima que xorde da terra e do que nos rodea e que adoita domesticarnos sen apenas facerlle fronte

OLLA O TEU corpo/estás a tempo/ de construíres con el un continente». Este é un dos poemas que se inclúen en Transmatria (Xerais) o poemario gañador do Premio Johan Carballeira de Poesía que cada ano, dende hai xa 21, convoca o Concello de Bueu. Alén desa feliz nova, o texto que firma Daniel Asorey xustifica dabondo ese recoñecemento. A súa escrita emerxe como un berro procedente do interior, porque o interior de cada un de nós é a cerna dun poemario que nos identifica como continentes, como espazos de resistencia únicos e singulares, pero que deben afrontar á complexidade dunha contorna que tende a rachar esa singularidade —persoal, intelectual, sexual ou do tipo que sexa— na procura dunha uniformidade aniquiladora co eu.

De novo a palabra é luz, un material coa capacidade suficiente para amosar esa radiación incondicional de quen a precisa para ser. Nótase que Daniel Asorey precísao dende a afouteza da palabra e a súa capacidade para sinalar, para poñer ante nós o que quere dicir sen moitos arrodeos. Aquí a palabra é un lóstrego, a linguaxe manéxase cunha visceralidade que á poesía sempre lle senta ben, porque radicaliza esa misión que ten de marcar o importante, sen distraccións, e, neste caso así é, de moverse no territorio da rebeldía.

Esa insubmisión xera a tensión precisa para soster ao lector ante a proposta de Daniel Asorey, para individualizar o ser como parte dunha identidade dentro da necesidade de reivindicar o eu. Achegámonos así a unha desobediencia que se enfronta ás normas establecidas, aos asexos dos demais, aos dedos acusatorios. A todos esos valos que nos limitan e nos incapacitan para recoñecérmonos como seres libres ao cen por cen.
"Se a transmatria tiver muros, sería unha cadea,/ inhabitable./ A absurda gaiola dos meus soños". A consciencia desa transmatria é a consciencia de cada un dos nosos corpos, a descuberta dun continente en cada un deles, no desterro dos muros e na construción dun futuro a partir da identidade e do amor. Únicos alicerces da esperanza. Esa transmatria escríbese en feminino e o berro medra como xeito de resposta ás normas que dende nenas se lle impoñen ás mulleres: educacións, códigos de beleza, escravas dunha sociedade que as quere caladas. Pero o silencio ten que ser o primeiro valo que rachar, e esa misión a poesía acádaa como ninguén. "Vulva libre/ para ser sempre/ o camiño da revolta/ decidida por calquera", escribe o poeta, e aí é xustamente onde este poemario nos pón, no camiño da revolta, alí onde sermos conscientes da nosa posibilidade real para ser como cada un soña ser nun mundo cheo de vilezas, de violencias vencelladas ao xénero, pero tamén doutros males como a brutal contaminación do noso territorio.

Esoutro territorio, o físico, é no que leveda esta Transmatria, a terra, a tribo, ata o leite do almorzo son a resposta a unha posición fronte ao resto do mundo. A orixe dese corpo que somos e que tanta importancia ten no texto para facer do sexo e das revoltas o xeito de tronzar os valos. Esa triple división do poemario (As orixes, Os sexos e as revoltas, e Muros) son os aneis que propón o autor para superar e configurar dende cada un deles a individualidade de cada un de nós, o xeito de poñerse ombreiro con ombreiro cunha sociedade que nos devala cada vez máis pola súa maquinaria cobizosa e mercantilista.

Son de agradecer estes textos convertidos en alertas fronte ao que acontece no noso perverso ecosistema, ao sinalar as posibilidades para non rendernos, para seguir ergueitos ante as labazadas, para amosar que a nosa identidade é unha ferramenta de resistencia, pero sobre todo de loita para alumear o futuro noso.

Un corpo. Un continente
Comentarios