Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Un voo en círculos

Manuel Forcadela achéganos a súa poesía en Fábula das aves un engaiolante tránsito entre as luces e as sombras da poesía cun ancoradoiro en sobranceiras referencias da cultura pero tamén cun voo de longas miras sobre a experiencia do creador e o feito da palabra.

«EN NOME de quen falan os poetas?» É o comezo dunha das citas que nos introducen no poemario de Manuel Forcadela (Tomiño, 1958) recén editado por Laiovento. Unha frase que se me antolla clave á hora de achegarse a este conxunto de poemas de infindas consecuencias e posibilidades para o lector pola profundidade das súas evocacións, así como polos territorios que atravesa. Esa cita é de Giorgio Agamben, un nome que confeso descoñecía, e que ao andar á súa procura descubro como un filósofo italiano interesado por diferentes itinerarios da cultura como a estética, a lingüística ou a literatura, e cun desexo de recuperar certos camiños da nosa conformación cultural que hoxe semellan esquecidos para a nosa cada vez máis pobreza intelectual.

Ao botarse a ler a Fábula das aves rapidamente entendemos ese camiñar polo pasado como alicerce necesario para entendernos hoxe, tamén para reivindicar nomes de diferentes eidos da cultura como a pintura, a literatura ou a filosofía. Espellos nos que reflectirnos hoxe quedando espidos ante aquelas posibilidades que o noso tempo non soubo aproveitar distraído en espazos cheos de vacuidade. A poesía de Manuel Forcadela é poesía de alta intensidade, as súas palabras teñen ese peso que a palabra ten que manter como xeito de explicar e de nomear o que lle interesa ao ser humano, aquilo que paga a pena ter ao noso carón como xeito de facer iso tan complexo que é explicarnos. Un enfrontamento no cuadrilátero da vida entre a luz e a sombra coa poesía como compás e cos poetas como demiurgos aos que someter a unha irónica revisión por parte do noso protagonista que non dubida en exortizar, dende o escepticismo, á propia poesía como elevado xeito de expresión artística, tantas veces pervertida pola pretenciosidade de moitos creadores ou polas ínfulas dos que pensan que fan poesía cando o que fan é outra cousa ben distinta.

Non deixa de lado Manuel Forcadela, neste voo rasante pola propia poesía, o paso obrigado por elementos como o tempo, o azar ou a experiencia. Pasos case obrigados para calquera poeta, pero que, no devir de Manuel Forcadela, entendémolos como augurios dese escepticismo cara o que camiña o poemario hacia un final escuro. «Andas aves a pousar polas sombras da memoria,/ Sen permiso,/ Como entrando desde a néboa/ Por unha porta escura, (...)» Non é sinxelo atopar hoxe poemarios como este, nos que latexa un fondo amor pola cultura e pola humanidade como tribo capaz de artellar cousas marabillosas, pero tamén capaz de amosar como esa propia condición humana é quen de converter todo iso nunha ilusión do pasado, un camiño percorrido sen posibilidade de recuperación, unha derrota da memoria e unha renuncia do futuro.

Unha inspiración que emana dese voo arredor da vida, pero que precisa do feito notarial da palabra, nas súas infindas posibilidades idiomáticas

O festín da poética de Manuel Forcadela xorde do gozo da vida que pode ir dende enfrontarse á visión dunha táboa de Van Eyck, a saborear un viño Medoc, a contemplación do outono dende un outeiro ou a paixón por unha vila como Braga. A experiencia da vida alambicada como liñas dende as que artellar o poema, ese poema que pode chegar na noite e que precisa da súa escrita rápida, antes de que parta cara outro lado. Unha inspiración que emana dese voo arredor da vida, pero que precisa do feito notarial da palabra, nas súas infindas posibilidades idiomáticas, na construción dunha literatura que ten moito de simbólico e de edificación mítica para servir de acubillo ao eu e á comunidade. A ese ser humano cada vez menos afeito ás experiencias sensoriais, a facer dos sentidos un receptor do que durante séculos produciu como un fito na evolución e que nin o tempo nin o desprezo puido derrubar.

Como aves que que voan arredor dunha presa movémonos en círculos ao longo destes poemas que nos obrigan a recuperar experiencias e sensacións como tinteiro para o parto dunha palabra á que nunca debemos renunciar como evocación e pensamento, como enunciación dun mundo fabuloso que non sempre somos quen de ver, respectar e, por último, gozar.

Comentarios