viernes. 22.01.2021 |
El tiempo
viernes. 22.01.2021
El tiempo

Valente. Xeografía poética

Auga, pedra, luz é o título da exposición adicada na súa cidade natal a José Ángel Valente. Un intelixente exercicio de aproximación a súa poética a partir da vinculación do creador a dous territorios como os de Ourense e Almería, esenciais para entender o seu traballo
José Ángel Valente
José Ángel Valente

O CENTRO Cultural Marcos Valcárcel acolle unha nova aproximación a José Ángel Valente dentro das celebracións do vinte aniversario do seu pasamento en Xenebra, a localidade suíza que, xunto a súa vila natal, o Ourense de 1929, e a Almería na que pasou moitos anos na parte final da súa vida, conformaron unha xeografía vital que sedimentou na súa poética. Esa forza do territorio, ou territorios é a que se nos amosa neste encontro con espazos e miradas, tamén con sensacións de auga, pedra e luz que compuxeron no autor de Cantigas de alén un xeito de entender a realidade que o levou a propoñer na súa poesía, nas súas palabras, un «descenso cara a raíz». Unha reveladora cita que recupera Alberto Ruiz de Samaniego no seu texto do catálogo, no que sitúa ao autor ourensano nese tránsito cara ese límite, cara esa fronteira que define sempre a raíz do que somos, aquilo que nos suxeita ao territorio.

Non só o catálogo da mostra recolle o texto deste pensador, senón que se nos ofrece unha abondosa reflexión sobre José Ángel Valente de nomes tan cercanos ao poeta como Claudio Rodríguez Fer —tamén poeta e director da Cátedra José Ángel Valente da Universidade de Santiago—, Marifé Santiago Bolaños, Julio López Cid, Fanny Rubio ou Miguel Ramos, xunto ao propio comisario da mostra, José Manuel Mouriño. O comisario explica o porqué desta achega que parte ou converte dun xeito físico e material o documental José Ángel Valente. Escribir lugar, no que, como na mostra, aproximámonos ao poeta dende os lugares que serven de mediación no descubrimiento da súa figura e da súa poesía. Espazos que Mouriño enuncia coma «cabos nos que se anoan a pura realidade e a pura literatura». Desfacer eses nós dende as suxerencias que emiten a xeografía ourensá e a almeriense é a luminosa achega desta mostra que remate o próximo domingo e que, durante estes tempos de limitacións de movementos, converteu o espazo expositivo nun fluír de augas que, como a voz do poeta, discorre entre dúas pontes cos seus piares situados en senllos lugares tan estraños entre si, tan distantes no kilométrico, pero que están xa enguedellados polo verso do poeta cara a eternidade. Un fluír entre pedra, auga e luz convocado ante o infindo: "Fíxenme río e río/ e mar e fonte./ Chamádeme somente coa miña voce./ Coa miña voce, na miña voce,/ alonxáronse as augas:/ ficou a ponte2.

E así a súa poesía xúntase con gravados, con pezas de pintores como Saura, Tàpies, Chillida ou Leopoldo Nóvoa,

A exposición, organizada no seu percorrido como unha sorte de espello, fai confluír ambas xeografías dende o mundo da auga e a pedra de Ourense, ata a luz e a potencia do horizonte de Almería. As fotografías de Manuel Álvarez e Manuel Falces achegan a forza e a composición do físico, o territorio como magma para a creación, e xunto a elas a propia obra de José Ángel Valente. Materiais que evidencian unha idea múltiple do artístico, na que emerxe o cómo ver a realidade

E así a súa poesía xúntase con gravados, con pezas de pintores como Saura, Tàpies, Chillida ou Leopoldo Nóvoa, ou con esas mesmas fotografías para funcionar dende unha mesma unidade de acción que enche o espazo dun espírito único, dese camiñar cara o límite que enunciabamos ao comezo.

E nestes dous límites podemos falar do primeiro, do que define o seu nacemento, a orixe, ese Ourense que, pese a só vivir nel durante uns poucos anos da infancia, deixou unha pegada que se pode rastrexar ao longo de toda a súa obra a través dos efectos da Guerra Civil, a memoria familiar e o ecosistema do rural, ata o galego, que retornaría a el na súa estadía suíza, co contacto cos galegos emigrados e que tamén fixo poesía nas súas Cantigas de alén. E o límite do sur, desa Almería na que se refuxiou nas décadas finais da súa vida no encontro coa luz, a forza dunha luz que tan importante é no seu contexto poético —pensemos en El fulgor— e que agora precisaba tamén enfrontarse a ela dende o vital.

A súa casa de Almería, obxecto dun incríble canto: Perspectivas de la ciudad celeste, no que sintetiza esa chegada á luz dende a oscuridade, ese tránsito que é toda vida e, neste caso, toda poesía.

Valente. Xeografía poética