lunes. 19.10.2020 |
El tiempo
lunes. 19.10.2020
El tiempo

Veña, valo, vai

O valo de Manselle, poemario mítico das nosas letras, reedítase por Apiario para poñer en valor esa linguaxe colectiva que asinou Anxo Angueira para facer dese valo o símbolo do esforzo da comunidade, o esteo no que apoiar ao pobo amosando a súa raíz máis firme
Valo de Manselle. ANXO ANGUEIRA
Valo de Manselle. ANXO ANGUEIRA

Veciños erguendo cachotes coas súas mans, rapaces levando caldeiros, mozos movendo carretillas cheas de masa, mulleres movendo area pa tras pa… así aconteceu hai 25 anos cando os veciños de Manselle, no concello de Dodro, se xuntaron para levantar un muro que permitise xerar un espazo comunal propiciado pola concentración parcelaria. Dous anos de esforzos, dous anos de xuntanzas de homes, mulleres e cativos, de pedras que se xuntaban de man en man para facer dese esforzo común a masa firme de todo un pobo.
Anxo Angueira tamén ergueu o seu valo, un valo de palabras que amosa, como poucos textos, a posibilidade do común cando se adica a loitar por un ben xeral. Os cachotes foron palabras e o autor xerou un deses poemarios míticos na nosa lingua, na nosa configuración como sociedade,

Xa van alá 25 anos de ambos e a editorial Apiario abre o curso cunha reedición máis que necesaria nestes tempos de egoísmos e aventuras solitarias chamadas á condea. Cando máis se amosa nesta sociedade a súa fraxilidade acosada por un virus e polas miras cortas dos nosos dirixentes, máis necesarios son estes textos que erguen a bandeira da conxunción de forzas, dos modestos na procura dun fin común que beneficie á comunidade. Lembrar estas palabras, coñecelas por primeira vez, inxerilas na nosa sociedade de hoxe, tan diferente á de aqueles anos, é unha feliz achega a cargo desta editorial que pon nas nosas mans este compás que sinale un novo rumbo.

Acubíllanse os versos de Anxo Angueira nun maxistral prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín, no que atopamos lumieiras como esta: "Fúndase neste poema unha  nova ruralidade épico-lírica que nos coloca lonxe da retórica malencólica da perda da aldea e da extinción da Patria". Aí sitúa Ferrín, entre outras direccións, o valor deste texto na proclama no só da loita común, senón na reivindicación do lugar, da aldea fronte ao horizonte do abandono do rural que xa se intuía nos finais do pasado século. A construción dese muro tamén é construción de memoria. Traballo para cicelar unha fazaña colectiva arredor da cal manter en pé o conxunto dos rexistros do común e que Anxo Angueira enguedella de maneira exemplar nos diferentes poemas do valo literario. Os encontros dos veciños, as celebracións, as comidas, os labores cotiás, a xeografía, a terra como itinerario vital. Hortas, hórreos e solpores. Horizontes do mar de Arousa cara onde mirar cos ollos desa Rosalía de Castro que tan ben coñece o noso autor protagonista. Ollos que van e veñen, ollos de mirada longa e de aloumiño ao seu arredor. Dende esa mirada Anxo Angueira artella este sentido colectivo, esa forza común que rexistra, de xeito notarial, a través deste poemario como recoñecemento da sabedoría que xorde da terra, dos elos que xuntan a persoas e o seu territorio. Coñecementos que se prolongan tamén a aqueles tótems que os sitúan por riba do común.

Anxo Angueira converte o seu mestre no Instituto de Padrón, o inesquecible Bernardino Graña, no catalizador para o futuro dos mozos e mozas que ata el se achegaron

Aposta de xeito lúcido Anxo Angueira pola figura do mestre, aquel que imparte o coñecemento, o que é quen de prestixiar á persoa, precisamente cando nos últimos tempos estamos a comprobar como ese valor semella someterse a outras miserias da nosa sociedade cada vez máis incapaz de erguer certos valos, mentres levanta outros insolidarios e noxentos. Anxo Angueira converte o seu mestre no Instituto de Padrón, o inesquecible Bernardino Graña, no catalizador para o futuro dos mozos e mozas que ata el se achegaron. Esa masa é a que lle dá consistencia ao valo da humanidade, o alicerce para o futuro da persoa.

O valo de Manselle chega a nós como a mantenza desa épica cotiá que xorde en tantos recantos de Galicia, dende labores comúns de persoas que defenden o seu territorio como un refuxio vital ao que non é posible renunciar. Fitos como o de Manselle tiveron a fortuna de atopar un trovador que deixou a xesta gravada cara un futuro que xa é hoxe, convertido nun río de regreso á fonte da memoria, un canto colectivo entre hortas e muíños, entre augas salgadas que debuxan nas orelas da lembranza a sinatura do compromiso co eu, o compromiso co común.

Veña, valo, vai
Comentarios