lunes. 08.03.2021 |
El tiempo
lunes. 08.03.2021
El tiempo

O virus que sacode o mundo

A editorial Galaxia trae ao galego, baixo a tradución de Carlos Aymerich, o texto de Slavoj Zizek, Pandemia!, unha reflexión sobre como o Covid-19 puxo a sociedade contra as cordas, mudando unha serie de cuestións e abrindo un futuro cheo de incertidumes.
EFE
EFE

O  FILÓSOFO E sociólogo esloveno é un dos pensadores máis controvertidos. Os seus postulados, defensores do marxismo, son obxecto de críticas por parte de colegas seus pola feble coherencia de moitas das súas ideas, así como por un desenvolvemento práctico pouco consistente e cheo de dúbidas. Por outra banda, a súa mensaxe é unha das máis seguidas pola cidadanía e conta con numerosos fieis que se achegan ás súas ideas.

O certo é que poucos tempos máis convulsos para mergullarse neles, dende a socioloxía, como os que estamos a vivir co estourido da Covid-19. Un andazo que volteou o noso mundo e ao que Slavoj Zizek adica este breve ensaio que pon sobre a mesa cuestións xurdidas durante o momento máis tráxico desta crise e abre as portas para reflexionar sobre que será de nós nos vindeiros tempos.

Falamos dunha catástrofe que nos sorprendeu, que se foi alimentando do noso sistema globalizado e capitalista, e que deixou ante nós escenario un cheo de dúbidas e preguntas, como unha das primeiras que nos atopamos ao adentrarnos no ensaio do esloveno: «Aprenderemos algo disto?» O autor non se afasta daquilo que moitos pensamos a medida que avanzan as horas, a medida que as augas volven ao rego da normalidade e cuxo fluír vai levando os lodos que tanto medo nos deron, cando si pensáramos que xa nada voltaría ser igual. Este virus aniñou nas entrañas do capitalismo e a súa virulencia se algo deixo ben claro é a necesidade de mudar moitas compoñentes deste mundo noso.

O filósofo escala o noso coñecemento da pandemia a través de cinco fases: Negación, ira, transacción, depresión e aceptación

Tamén desvelou esta pandemia diferentes enfrontamentos. Un deles foi o dos datos fronte a ideoloxía; outro, a nosa relación coa contorna natural e cómo a aniquilación dos espazos naturais reforza as capacidades desta pandemia para afectar a nosa saúde, e outro máis, o dos medios de comunicación e as súas loitas entre a comunicación do pánico ou do non pánico. Mentres, a nosa resposta a semellante ameaza partiu da trivialidade de tolear comprando papel hixiénico. 

Tamén é ben interesante cómo se aproxima Zizek ao comezo desta crise de tres cabezas: sanitaria, económica e psicolóxica. Así o filósofo escala o noso coñecemento dela a través de cinco fases: Negación, ira, transacción, depresión e aceptación. Diferentes momentos que foron mudando a nosa percepción do que acontecía nunhas horas que nunca deberíamos esquecer.

Chegan uns tempos nos que temos que aprender a entender a nosa vida como algo moi fráxil e con ameazas cada vez máis constantes nunha sociedade que deseguida amosou o seu desprezo polos máis fráxiles, o sacrificio dos máis vellos e dos máis débiles á hora de decidir en que adicar recursos e en quen non.

Enfróntase tamén Zizek ao seu colega italiano Giorgio Agamben, moi crítico coas actitudes dos estados, en especial coas do seu paí, nas medidas adoptadas que limitaban, como nunca vimos, as liberdades dos cidadáns, falando dunha "resposta desproporcionada" e dunha excusa totalitaria ante as liberdades individuais.

Zizek defende de cara ao futuro a recuperación dun comunismo que fortaleza o sentido público do Estado, non entendido como un vello comunismo belixerante fronte a si mesmo, senón como unha maneira de vigorizar a propia sociedade lonxe dun libre mercado que non pode xestionar unha enfermidade que se xestou no seu interior.

De feito estamos vendo como diferentes gobernos, nada sospeitosos desa ideoloxía, tomaron medidas que pertencen ao sistemas comunistas. Boris Johnson nacionalizou durante un tempo o sistema ferroviario británico ou o mesmo Donald Trump repartiu unha renda básica entre os cidadáns. Eran decisións impensables fai unhas poucas semanas, pero que a contundencia desta criste obrigou a que os estados aplicasen unha serie de medidas para que os cidadáns visen afectadas a súas vidas dende o económico o menos posible.

Zizek aboga porque estes estados asuman maiores competencias, cun papel moito máis activo no tecido económico, e neste, caso, coa produción de elementos de seguridade fronte ao Covid-19 —máscaras, respiradores...—, pero tamén cun reforzo duradeiro dos sistemas de saúde e con esa renda básica como un seguro mínimo vital para os máis desfavorecidos.

O virus que sacode o mundo
Comentarios