jueves. 16.07.2020 |
El tiempo
jueves. 16.07.2020
El tiempo

Voadora a campo aberto

A compañía galega Voadora, referencia da escena actual, pon a disposición do público as súas últimas obras. Dende a solidaridade destes días de confinamento e do compromiso coa cultura, temos a oportunidade de revisar a audacia da súa proposta
Voadora
Voadora

A  SÚA IRRUPCIÓN na escena galega foi un sopro de lucidez e de aire fresco no noso teatro. Proxecto tras proxecto a marca Voadora converteuse nun selo de calidade sen renunciar, ou, mellor dito, grazas ao risco da súa proposta formal sobre as táboas.

Estes días de encerro nas nosas casas trouxéronnos numerosas iniciativas dende o mundo da cultura por encher de contidos tantas e tantas horas nas que moitos pensan que mirar polas fiestras é o mellor que poden facer. Escritores en conversas con editores, músicos en pequenas actuacións e a apertura de contidos dende museos ou espazos culturais, así que Voadora tamén quixo aportar o seu traballo subindo a Youtube as obras dos últimos anos, as que lle deron esa sona fóra de Galicia, levando as súas obras a teatros portugueses, franceses ou mesmo en España, converténdose xa en habituais no Centro Dramático Nacional.

Os non habituais do teatro poden achegarse ao seu universo. Cando se enfronten a el estarán desexando ter a experiencia en directo que é para o que está feito o teatro, e máis un teatro dinámico, vivo, que xoga co público. Baixo a dirección de Marta Pazos atopamos ese ronsel de catro obras luminosas, dende a súa Tempestade (2014 ) ata o Garage (2018) e, xunto a elas, Calypso e Don Juan, as dúas de 2016, engadíndose pequenas pezas que explican diferentes cuestións das obras.

En definitiva, que podemos facer un completo percorrido por esa obra caracterizada pola exploración contemporánea do ser humano, pero sempre establecendo fíos co pasado do teatro; así é como a importancia da obra shakesperiana está moi presente no seu traballo. Xa non só nas súas adaptacións de obras do autor inglés, senón que tamén en moitas das outras pezas, xurdidas do maxín da directora, atopamos ese elo cunha obra que segue amosándose como atemporal e capaz de reflectir o que somos dende vectores como o poder, o amor ou a vinganza.

O teatro pode reactivarse dende o seus postulados cara a novos vieiros sen perder a súa esencia orixinal

Obras como A tempestade ou O soño dunha noite de verán, adaptacións das obras de Shakespeare veñen a ser a proba evidente diso, e tamén de cómo o teatro pode reactivarse dende o seus postulados cara a novos vieiros sen perder a súa esencia orixinal e compoñendo unha escenificación axeitada á contemporaneidade que faga participar o espectador desa comprensión que precisa, ou dun texto que mantén o esencial do pasado para encherse de novas dinámicas. Nese camiñar polo rego hamletiano a compañía tiña previsto para este ano a estrea doutra das súas obras, Othelo, que ía a levar ata o Centro Dramático Nacional en Madrid, pero que agora está detido neste limbo no que nos atopamos. Unha obra que amosaría as consecuencias da violencia de xénero, e o maltrato do home sobre a muller e cómo sofre ela ese padecemento.

Xunto a esa liña do seu traballo, outra das vías moi interesantes nesa exploración das posibilidades que propón o teatro, por parte de Voadora, é o seu interese por traballar con xente do común, persoas coas que se acepta tamén un risco, pero cuxo resultado enche cada escena dun vigor abraiante. Así o comprobamos ao achegarnos a obras como Don Juan e Garage, ambas con actores non profesionais. A primeira, co traballo con varios xubilados e a temática do amor, e a segunda delas, coa proposta de darlle unha volta a relación da muller co traballo na nosa sociedade.

Un mundo feminino, como o da muller, vencellado con ese elemento tan simbólico e ata fai ben pouco, masculinizado, como é o coche.

Estas catro representacións son una perfecta maneira de percorrer o teatro de Voadora, esa mestura do clásico co contemporáneo, sempre dende un claro sentido exploratorio, porque o teatro, por moitos milenios que leve ás súas costas sempre, sempre, pode chegar a sorprender, e ese é o gran mérito, o gran valor de Voadora.

Voadora a campo aberto
Comentarios