Opinión

Á guerra sen armas

No pasado, cando se declaraba unha guerra sempre se contaba con armas ou meios para fabricalas. Neste caso non temos unha cousa nen a outra. A pesar da experiencia que temos os galegos en crises varias, vímonos agora inmersos nunha nova, porque se parece máis a unha guerra biolóxica que a un desastre tecnolóxico. É nova porque é de propagación invisíbel e, por tanto, algo máis perversa. Ten en común con todas as anteriores en que é importada, produto da mundialización das relacións económicas e tamén afectada pola incapacidade gobernamental de lle facer frente. De desastres tecnolóxicos temos experiencia. Comezamos co Urquiola, logo Cason, Aegean Sea e o Prestige, e para amenizar os veráns vanse queimando cada ano uns miles de hectáreas de monte, ás veces con ben medo —ou pánico— para os atinxidos pola proximidade ao lume. Mesmo foi modélica a resposta dos viciños, médicos, enfermeiras e voluntarios de todo tipo cando outro desastre tecnolóxico —o descarrilamento do Alvia— con resultado de 79 mortos, fíxonos protagonizar, en contra dos nosos desexos, informacións de alcance mundial.

Desde xaneiro soubemos da epidemia en China e aquí semella que todo comezou a se mover cando o presidente da Xunta solicitou ao Goberno do Estado que tomase a decisión de adiar as eleccións galegas. Petición asombrosa porque o xefe do executivo galego ten a competencia estatutaria, e polo tanto constitucional, de convocar as eleicións autonómicas, e fixar as condicións para a súa celebración. A declaración do Goberno de estado de alarma, e o confinamento cunha parte da poboación votante impedida de exercer o dereito de voto, foi suficiente para adiar a convocatoria. O estado de alarma amosou tamén que os primeiros alarmados eran os responsábeis do Goberno español e despois de verbalizaren moito ánimo para uns cidadáns (desde a parte de fóra) nun exercicio de condescendencia deplorábel, atopámonos con que o confinamento non traía xestión acaída da crise. Nen da crise de contaxios nen da crise económica que vén de acompañamento. Comezando polo Goberno do Estado, ao declarar estado de alarma, pasa por riba da Constitución no referido á configuración autonómica, e, sen acordo previo, toma decisións asumindo competencias que son exclusivas dos órganos autonómicos. Con esta acción póñense as bases para un fracaso total da xestión porque non hai, non existe, unidade de mando que sexa quen de xestionar o Sergas, xunto co Osakidetza, co Servei Català de Salut ou cos restantes departamentos de saúde das autonomías que levan a cabo nalgúns casos todas as funcións e, noutros, a maior parte da xestión dos servizos públicos de sanidade. O comezo do confinamento non se acompaña de medidas económicas nen de plan de ataque á epidemia. Si foi creado un comité de crise presidido por un xeneral, e aí nos enteiramos de que isto é unha guerra. Perguntámonos: con que armas van os sanitarios (hoxe 9.500 infectados detectados) á guerra se non hai máscaras nen meios de análise, material de protección, respiradores nen Ucis suficientes? Despois de 15 días confinados non hai probas xeneralizadas para separar sans de afectados e así comezar a vencer a epidemia.

Comentarios