Opinión

A quen non toque o tempo

Foise moito máis que un poeta. Ernesto Cardenal era  memoria viva da Revolución Popular Sandinista que, baixo as siglas FSLN (Frente Sandinista de Liberación Nacional), gobernou o país entre 1979 e 1990 cun amplo espectro de partidos de esquerdas, inspirados en boa parte pola teoloxía da liberación, poñendo fin ás ditaduras dos Somoza.

Aquela esperanza  (á marxe de certos erros) foi cegada polos norteamericanos, que armaron a chamada "contra" e sumiron o país nunha guerra, campo no que, ben se sabe, son mestres. Tanto premeron coas súas tácticas de afogo, que a economía caeu e Violeta Chamorro, apoiada polos USA,  gañou as eleccións (1990)  coa Unión Nacional Opositora. 

En 2006,  Daniel Ortega como candidato, volve gañar as eleccións a FSLN. O que fora un dos máis significados membros da revolución, desmantelou progresivamente boa parte das liberdades conquistadas e segue reprimindo a disidencia con métodos ditatoriais que non respectan a integridade de ninguén. É moi dificil contabilizar as persoas asasinadas; mais son centos, tanto no transcurso das protestas, como en execucións extraxudiciais. Rosario Murillo, esposa de Ortega e vicepresidenta desde 2017, forma con el un tándem perverso no que, segundo semella, ela é quen pedalea diante.

Ernesto Cardenal,  o seu irmán Fernando, Miguel D’Escoto e mais Edgard Parrales, foron suspendidos ‘a divinis’, é dicir, inhabilitados para exerceren o seu ministerio sacerdotal, en 1984, polo Papa Xoán Paulo II. O seu delito, defender a teoloxía da liberación, esa corrente do cristianismo que se decanta polos pobres e, na liña do Vaticano II, considera que hai que comezar por salvar as persoas desde esta vida. 

Deixando á parte as peripecias dos outros, 35 anos despois Ernesto Cardenal, xa moi enfermo e triste polo rumbo do país, foi rehabilitado por decisión do Papa Francisco. O propio bispo auxiliar de Managua lle pediu a súa bendición no hospital. A el negáralla o anterior Papa cando,  no aeroporto, lla pedira axeonllado. A fotografía, contrastada con outra na que lle impartía a comuñón a Pinochet, evidencia as preferencias daquel pontífice.

O teólogo, político, escultor e poeta, finou o 1 de marzo aos 95 anos. Como el pedía nun seu poema, foise con "a quen non toque o tempo", nunha alusión ás palabras de  San Francisco de Borja, o que xurara non servir a un señor que puidese morrer. Do seu paso pola terra, alén da poesía, fica a súa entrega xenerosa, a renunciar á súa posición social; o paso pola Trapa, onde coñeceu ao escritor e monxe Thomas Merton; a fundación da comunidade de Solentiname; a loita pola xustiza e a fidelidade á súa fe: cousas ás que non toca o tempo.

Comentarios