Imprimir

A sabotaxe deste país

Marica Campo |

Galiciae | 07 de febrero de 2020

Segundo o dicionario da Real Academia Galega, a sabotaxe é a acción que consiste en destruír ou deteriorar de maneira voluntaria unha cousa, para impedir o seu funcionamento. Fala de acción, mais ben se sabe que a omisión, en moitos casos,  ten igualmente efectos devastadores.

En poucos lugares traballa con tanta virulencia ese martelo de pilón que é o descoido, como por aquí. Polo que  toca ao patrimonio artístico, actuamos como ignorantes herdeiros dun gran capital que non nos importa desbaldir porque, ao ser tanto, seméllanos que non se acabará nunca. Mais hai outro patrimonio que, aínda non sendo artístico, tamén se está botando a perder por falta de atención. 

Vou con certa asiduidade polas terras de Lóuzara, reclamada pola paisaxe e tamén pola cordialidade das poucas xentes que resisten aquela «soidade sonora», dito cunhas palabras anosadas de San Juan de la Cruz. Reparo, á altura de Paredes, no que foi o colexio Poeta Fiz Vergara Vilariño. Non é un vello edificio, mais está a se converter nun edificio vello por mor do abandono en que o manteñen. Certo que as casas deshabitadas se deterioran antes. Semella que, alén das columnas e trabes materiais, precisan doutras simbólicas, tan fráxiles como as persoas que as habitan, tan fortes como a vontade de soster a estrutura. 

O territorio galego está sementado de construcións así. Mentres, faltan residencias da terceira idade, albergues para un turismo de contacto coa natureza, centros de interpretación, vivendas para situacións de emerxencia e unha morea de cousas máis, perfectamente factíbeis se se ten un mínimo de imaxinación e se atalla a desfeita.

A este espolio do tempo, a climatoloxía, a perda de poboación e a neglixencia, tampouco escapan as cidades. Eu falo da que me é máis próxima porque moro nela. Secasí, abonda con pasear por calquera outra para decatarse de que o que digo se pode ler con distintas imaxes de fondo.

Lugo e o cuartel de San Fernando, por poñer un exemplo de actualidade. Desbotada a súa capacidade de conter un auditorio, acórdase por amplo consenso convertelo en museo da romanización. Dorme o proxecto unha sesta de moitos anos sen que ninguén o esperte e, agora que o fan, xa máis ruinoso o recinto castrense, propoñen un parador de turismo que, ademais de colidir cos intereses dos hostaleiros (en Lugo a oferta é suficiente), pon en mans dun organismo estatal o que pertence ao concello. Que hai detrás desta proposta? O que é, a primeira vista, non se albisca máis que descoñecemento da enorme riqueza arqueolóxica, e por tanto turística, que encerra a que fora Lucus Augusti.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/marica-campo/a-sabotaxe-deste-pais/20200207185021073245.html


© 2020 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)