Abanca repartirá 80.000 menús a escolares galegos durante as vacacións

O obxectivo da iniciativa é apoiar ás familias máis vulnerables

Abanca e a súa Obra Social, Afundación, puxeron en marcha, en colaboración con concellos e entidades sociais, o programa “Cubertos”, que proporciona preto de 80.000 menús saudables, 1.650 diarios, a menores en risco de pobreza ou exclusión social das sete cidades galegas durante as vacacións escolares.

O obxectivo de "Cubertos” é apoiar ás familias máis vulnerables, especialmente afectadas pola crise do covid-19, para que os nenos teñan unha alimentación saudable durante o verán, período no que se interrompen os programas de bolsas comedor, informou Afundación.

Na mañá deste luns, o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet Rodríguez; o conselleiro delegado, Francisco Botas, e o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, deron a coñecer o esforzo de todas as persoas que están a facer posible a consolidación deste programa de apoio social.

Entre os involucrados, un centenar de persoas son do equipo de Afundación e 80 son voluntarios de ambas as entidades, que se encargan de preparar a distribución e atender ás familias.

O programa “Cubertos” desenvólvese na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol, en colaboración coas administracións locais e distintas entidades sociais.

Para iso, habilitáronse 22 puntos de recollida, co fin de facilitar a accesibilidade das familias con localizacións que se acomoden ás súas necesidades.

Os menús elabóranse seguindo as recomendacións da Estratexia Naos da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan), que engloba accións para inculcar hábitos de vida saudable.

Os menús están elaborados en empresas galegas especializadas e supervisados por nutricionistas.

Comentarios