Achan dous cabalos mortos e outro desnutrido nunha leira de Meis 

Os veciños denunciaron un "desagradable" cheiro na zona desde hai un mes
O cabalo desnutrido e un dos falecidos achados nunha leira de Meis. LIBERA
photo_camera O cabalo desnutrido e un dos falecidos achados nunha leira de Meis. LIBERA

A Policía Autonómica e membros do refuxio de animais de Cambados atoparon o pasado venres, nunha leira da parroquia de San Vicente de Nogueira, en Meis, dous cabalos mortos e un terceiro desnutrido. 

Segundo informan os animalistas de Libera e Fundación Franz Weber, o achado produciuse durante unha inspección por parte dos axentes. Había dous animais "mortos á intemperie, en condicións avanzadas de descomposición", e outro "con signos de malnutrición" que "seguramente sexa comisado para o seu traslado a un espazo seguro". 

De acordo co relato de ambos os colectivos, todo partiu das queixas dos veciños, que desde "facía un mes" denunciaban un cheiro "moi desagradable" nesta zona rural. Unha vez destapada a morte, será un informe pericial dun veterinario o que dilucide a responsabilidade administrativa "e incluso penal" do gandeiro. 

Ademais, os animalistas insisten en que "non é a primeira vez que se pon o foco neste lugar, xa que hai catro anos o refuxio de Cambados xa tivera coñecemento dunha manda de cabalos en mal estado, presuntamente propiedade do mesmo individuo". 

Por mor deste achado que, apuntan, "parece ser un novo caso de malos tratos animais en Galicia", Libera e Fundación Franz Weber inciden a necesidade de que os équidos conten cunha lei específica que os protexa regulando as condicións do seu transporte, para o que xa recolleron máis de 168.000 firmas a través da plataforma Change.org. 

Neste sentido, os animalistas recordan que desde 2017 estas especies "non están incluídas" na lei de benestar animal de Galicia, a pesar de que a anterior norma "si as incorporaba" e permitría "denunciar diversas situacións de malos tratos, crueldade ou abandono". 

Comentarios