Achégase a fin de 'The Simpsons'

Danny Elfman, autor da coñecida sintonía da serie, insinuou que o último capítulo da serie podería emitirse pronto
The Simpsons. EP
photo_camera The Simpsons. EP

A popular serie animada estadounidense The Simpsons está preto de chegar ao seu último episodio, despois de trinta anos en antena, segundo suxeriu o músico Danny Elfman, autor da súa coñecida sintonía.

"Polo que ouvín, vai chegar á súa fin", afirmou o compositor nunha entrevista no podcast Joe.ie que recolleu o diario británico The Guardian.

"Non o sei con certeza, pero ouvín que estará no seu último ano", agregou Elfman, nomeado en catro ocasións aos Óscar da academia de cine estadounidense. 

Creada polo debuxante e escritor Matt Groening, The Simpsons é a serie animada de televisión máis lonxeva do mundo que se mantén en antena.

Comezou como unha sección nun programa de entretemento na cadea estadounidense Fox en 1987, antes de converterse nun espazo individual de trinta minutos de duración, en decembro de 1989. 

Os seus principais personaxes convertéronse en referentes da cultura popular, e nalgúns dos seus episodios apareceron representados diversas celebridades, como o científico Stephen Hawking e o músico Paul McCartney.

Elfman expresou a súa sorpresa polo feito de que a serie durase preto de tres décadas.

"Todo o que podo dicir é que estou atónito e asombrado de que durase tanto tempo", dixo o músico, que asegurou que cando escribiu a "tolemia de peza musical" coa que abre a serie cría que ninguén a escoitaría".

"Realmente, esperaba que durase tres episodios antes de ser cancelada. Era tan extravagante naquel momento que pensei que non tiña ningunha oportunidade", agregou. 

Comentarios