Acosan a un compostelán que confundiron co mugardés detido nun partido da NBA

"Non, non son quen se pegou na NBA", aclarou o mozo na súa conta de Twitter

Perfil de Adrián Mato. TWITTER
photo_camera Perfil de Adrián Mato. TWITTER

Adrián Mato Gondelle viuse obrigado a cambiar o seu nome na súa conta de Twitter para aclarar que non é o mozo galego detido durante un partido da NBA.

"No I´m not the NBA fightin... (Non, non son quen se pegou na NBA...)". Con esta aclaración no seu perfil de Twitter, este compostelán de 32 anos pretende que cese o acoso ao que se veu sometido durante os últimos días tras ser confundido con Adrián Montero Mato, o mugardés apresado en Miami.

O santiagués, que reside en San Francisco desde hai case tres anos e traballa para Microsoft, teme que esta confusión lle ocasione problemas coa tarxeta de residencia que está en proceso de obter.

PENA DE 10 ANOS. O verdadeiro implicado na liorta pasou tres días na prisión estatal de Florida e xa está de volta en España despois de que este domingo as autoridades estadounidenses lle permitisen tomar o voo desde Miami, previo pago dunha fianza de 9.500 euros.

Con todo, a xustiza estadounidense mantén sobre el os cargos de agresión a axentes da autoridade, resistirse a un oficial con violencia cara a súa persoa, conduta desordeada e desordes por intoxicación —sosteñen que estaba ebrio—, delitos que poderían acarrearlle dez anos de prisión.

Adrián Montero, máis coñecido como Monti en Mugardos, será xulgado en Estados Unidos e, en caso de que resulte condenado, é probable que poida saldar a súa condea en España.

Comentarios