Adolfo Domínguez lanza a primeira colección confeccionada ao 100% en Galicia

Consta de 450 pezas alta calidade cun deseño "gender fluid", sen enfoque de xénero

O taller de confección de Adolfo Domínguez está integrado nas súas instalacións de San Cibrao das Viñas. EP
photo_camera O taller de confección de Adolfo Domínguez está integrado nas súas instalacións de San Cibrao das Viñas. EP

Adolfo Domínguez lanza este xoves ao mercado a primeira colección completa de pezas confeccionada ao 100% nos seus talleres de sastrería de Galicia. 

Segundo informa a empresa, trátase de Limited Edition, unha colección limitada de 450 unidades que revisita desde unha perspectiva de 2019 pezas icónicas da marca de autor. 

O lanzamento chega após unha primeira proba coa confección dunha selección de pezas realizada o pasado mes de setembro. A Limited Edition será a primeira dunha serie de coleccións limitadas que a compañía galega producirá integramente na súa atelier de sastrería en San Cibrao das Viñas (Ourense), que non confeccionaba coleccións completas desde hai 20 anos. 

Esta colección é unha actualización do noso espírito, unha revisión da nosa herdanza

A edición limitada presenta todo tipo de pezas en tecidos de alta calidade, con deseño "gender fluid", sen enfoque de xénero. A colección está dispoñible desde este xoves na tenda online da firma, nas súas flagships de Madrid e Barcelona e na súa tenda de Ourense (nesta última, a colección estará dispoñible desde o luns 25 de marzo). 

"Nacemos como unha sastrería e no fondo nunca deixamos de selo. Esta colección é unha actualización do noso espírito, unha revisión da nosa herdanza e que reivindica a alma de moda de autor de Adolfo Domínguez", explica a directora de Produto do grupo, Ángela García de Lástraa. 

Comentarios