África para seguir pedaleando

Unha familia de Lalín viaxará a Marrocos para entregar parte das máis de 200 bicis usadas que recolleu por Galicia no último ano

Pereira, xunto as bicicletas que garda nun baixo cedido por unha veciña.DP
photo_camera Pereira, xunto as bicicletas que garda nun baixo cedido por unha veciña.DP

Recycling é algo máis que unha iniciativa solidaria. É o proxecto vital de José Luis Pereira, do seu fillo, Hugo, de dez anos, e da súa muller, Lorena, unha familia lalinense que dende hai un ano recolle por toda Galicia bicicletas usadas para darlle unha segunda vida en África. O que comezou por casualidade acabou converténdose nunha aposta decidida por facerlle chegar a distintas comunicades do veciño continente o que para nós é un xoguete e, para eles, un agradecido medio de transporte. Na primeira semana de recollida, no outono de 2017, recadaron 25 unidades. Un ano despois, superan xa as 200.

"Un día viñeron venderme unhas rifas para colaborar cun proxecto da ONG Miradas al Mundo, que traballa para facer pozos en Guinea-Bisau. Pedinlle que me contasen de que ía o proxecto e faleille da posibilidade de enviarlle unhas bicis", comenta Pereira. As do seu fillo quedáranselle pequenas e no seu círculo familiar, laboral e de amizades ninguén as quería. É máis, todo o mundo, na mesma situación ca eles, lle ofrecía as súas. E así foi como a familia comezou a almacenalas, coa mirada posta en África.

A idea é que sexa Hugo quen as entregue persoalmente, coma unha lección de vida. O próximo Entroido, aproveitando as vacacións escolares, emprenderán rumbo a Marrocos, "o país que nos quedaba máis preto". Serán uns 4.000 kilómetros, entre ida e volta, dende Lalín, que farán nun camión que contan mercar. Un vehículo "que sexa velliño", sen moita mecánica por se se lles avaría e teñen que botar man dos limitados recursos técnicos que hai alá. Aínda que hai tempo iniciaron unha campaña de crowdfunding para mercar o automóbil, finalmente decidiron custealo eles mesmos para "non tirar dos amigos e dos de sempre". As bicicletas entregaranas "sobre todo en orfanatos, porque alá hai moito neno orfo, moita muller vítima de maltrato á que abandonan e moitos pais que veñen traballar a Europa e xa non volven".

Na elección das institucións ás que lles fará a entrega colabora a Fundación Crecer Jugando. "Axudounos moito", sinala, "porque a preocupación que tiñamos era a de levarllas á xente que realmente as necesite". De feito, enviará "25 ou 30" no colector cargado de material escolar e médico que a entidade prevé transportar ó continente africano o próximo mes como parte da súa campaña de Nadal. As restantes levaraas a familia a Marrocos.

"Teño bicis para tódalas idades, pero son máis útiles as de maiores. Alá danlle moita utilidade como medio de transporte, sobre todo en Guinea. Empréganas médicos, mestres... é coma aquí as Vespa dos nosos pais ou avós nos anos setenta".

Grandes, pequenas, negras, de cores, usadas e mesmo algunhas a estrear, as biciclietas agardan en Lalín nun baixo cedido por unha veciña, ata volver rodar. Mentres, a súa recollida non cesa. Pereira dedícalle as horas que o seu traballo como axente da Garda Civil de Tráfico en Lugo lle permite. É el mesmo quen vai recoller as doazóns e quen fai de mécanico se algunha delas chega con algunha avaría.

Comenta que na zona do Grove e de Pontevedra ten "moita recollida. Unha señora en Domaio xuntou ela soa 25!", pero as doazóns non se limitan só á provincia, senón que alcanzan toda Galicia. "É unha mestura entre xente solidaria e outra que chama para que lle vaiamos recoller o trasteiro, porque a bici lle estorba". Porén, a grande maioría, di, faino con afán de axudar.