Imprimir

Alianza

Luís Celeiro |

Galiciae | 17 de marzo de 2020

Sería bonito e gratificante esquecerse dos efectos malignos dos virus que corroen a alma dos pobos, o corazón da xente, dos vivos e dos que morren, dos que sofren e dos que non teñen máis nin outro remedio. Sería bonito, pero a maioría das veces, hai que conformarse coa retirada, coa ausencia, co reproche e coa alianza entre uns e os outros, iguais ou desiguais, grandes e pequenos. Conformarse co acordo entre os normais, independentemente dos intereses prezados de cada grupo. O normal convértese no principal, en calquera caso extraordinario. E, esixe normalidade total, de todos e para todo, incluso para os detalles máis insignificantes.

O parágrafo anterior parece parte dun parlamento en defensa de valores morais, de valores esencias e fundamentais de nós. - E, quen somos nós? - Igual que vós, os gobernados por eles, as vítimas do desastre, da incongruencia, do oportunismo, da informalidade, do infantilismo político, da irreflexión e da irresponsabilidade elevadas ao máximo expoñente. Disto saben moito aqueles cidadáns que, sós ou en compañía, están cheirando e outeando o mañá dende o cumio do cumio, como o paxariño de Novoneyra, no "bicarelo do bico do brelo". Cantando alí, na altura, dende onde se ve o mundo doutra maneira, "á súa maneira".

Parece que, máis que nunca, cómpre unha alianza, un concordato entre os discrepantes políticos que andan na gobernanza ou na procura da mesma

Coidar aos nenos tranquilamente (son o futuro dos países), revisar e criticar as ordenanzas dos colegas discrepantes, someterse ao imperio do decreto que propugna o "ordeno e mando", illarse, calar, aguantar, cobrar e sufrir son funcións ou tarefas de importancia limitada. Que pena! Parece que, máis que nunca, cómpre unha alianza, un concordato entre os discrepantes políticos que andan na gobernanza ou na procura da mesma.

En Galicia, o presidente da Xunta propuxo, ás distintas formacións da arcada política, a unión de esforzos. Obviamente, todas queren aplicar a razón, movidas polo ben da cidadanía, da sociedade, do país e da humanidade. Polo tanto, dende a casa de cadaquén e dende a solidariedade, todos adiante! Un exército de voluntarios activos e cooperantes contra o coronavirus, ese maldito bicho que esixe máis que ningún outro e que, como di a Tía Manuela, "é fonte de malas noticias, une e rompe ao mesmo tempo".

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/luis-celeiro/alianza/20200317164647075225.html


© 2020 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)