As ambulancias do 061 renuncian a prestar o servizo por "perdas millonarias"

A Xunta garante "as mesmas condicións de calidade" nun labor que as concesionarias deberán realizar ata que haxa nova adxudicataria

Ambulancia del 061. AEP
photo_camera Ambulancia do 061. AEP

A Federación Galega de Empresarios de Ambulancias (Fegam) presentou na mañá deste xoves un escrito á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 no que solicita a resolución do contrato e a renuncia a continuar coa prestación do servizo. 

O argumento que impulsou á Fegam a tomar esta "difícil decisión" é, segundo explicaron nun comunicado, "non poder garantir a prestación do servizo máis aló do 31 de marzo de 2019 debido ao deficitario do mesmo". 

A Fegam cifrou as perdas anuais en "máis de cinco millóns de euros", como consecuencia "do axustado do importe, as esixencias sociais e as modificacións en materia laboral".
 
Os datos que manexa a Fegam neste sentido veñen amparados por "varios estudos económicos encargados a empresas independentes", que evidencia unhas perdas de 40.000 euros por ambulancia.
 
O importe por cada vehículo rolda os 240.000 euros anuais, mentres que os gastos, coa aplicación do convenio colectivo, o custo salarial e o custo medio de cada ambulancia sobe até os 280.000 euros anuais. Ademais, habería que engadir outros gastos fixos e variables. 

Actualmente, en Galicia hai 109 ambulancias do 061 e máis de 870 traballadores prestando servizo, segundo os datos ofrecidos pola propia Federación.

FALTA DE SOLUCIÓNS. No comunicado a federación denunciou que, aínda que houbo "diversas reunións" coa Consellería de Sanidade, non se atopou solución para "seguir ofrecendo un servizo de calidade aos cidadáns" e "garantir a viabilidade económica". 

A Fegam explicou que "a falta de resposta" provocou que os empresarios solicitasen, a finais do ano pasado, "a inaplicación temporal do convenio colectivo". 

Con todo, a decisión "non prosperou", porque segundo a versión da Fegam, "pasaba polo resultado da votación da Comisión Tripartita --sector, Administración e axentes sociais-- e a Administración abstívose". 

Desde entón, e debido a que "pasaron meses sen recibir resposta", e á "dificultade de obter financiamento por parte das entidades bancarias", os empresarios presentaron a solicitude para a resolución do contrato, aínda que esta decisión pode cambiar no caso de que o importe dos contratos se axuste "ao custo real do servizo".
 
Aínda que tratarán de "garantir a prestación do servizo" ata que se resolva o contrato --o prazo legal non pode exceder o oito meses--, a Fegam dubida que poida seguir prestando o servizo "máis aló do 31 de marzo de 2019".

"SERVIZO GARANTIDO". A Consellería de Sanidade respondeu á solicitude de resolución a través dun comunicado no que asegura que, tanto o 061 como a Fegam "garanten a prestación do servizo do transporte sanitario urxente terrestre nas mesmas condicións de calidade". 

O departamento sanitario explicou que a Fundación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 "xa comezou cos trámites para que as actuais empresas poidan acabar os contratos vixentes nas datas inicialmente previstas".
 
No comunicado, a consellería subliñou que, "ao tratarse dun servizo esencial para a cidadanía, non poderá deixar de prestarse ata que haxa unha nova empresa adxudicataria". 
Deste xeito, responden as dúbidas dos empresarios que non ven viable seguir ofrecendo servizo a partir de abril, con independencia de que se resolveu ou non o contrato.

UNHA CAUSA XUDICIALIZADA. Non é a primeira vez que a actual concesión do servizo do 061 se atopa no foco da polémica. Non en balde, trátase dunha causa xudicializada na que se investiga se houbo prevaricación, información privilexiada e tráfico de influencias no concurso de 2014. 

Esta renuncia prodúcese nun contexto de diversas protestas no ámbito sanitario galego. Este mesmo xoves, ten lugar unha manifestación en Vigo co lema 'Pola dignidade da Atención Primaria', após a renuncia en bloque dos xefes de servizo da Atención Primaria da área sanitaria viguesa. 

Comentarios