Aprobado o decreto que elimina o despedimento por acumular baixas médicas

"Imos desmontando a reforma laboral do PP", defendeu a ministra de Traballo, que explicou que esta lexislación "impide que os máis vulnerables poidan ser despedidos"
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, durante a súa intervención na rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros. JUAN CARLOS HIDALGO (EFE)
photo_camera A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, durante a súa intervención na rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros. JUAN CARLOS HIDALGO (EFE)

O Consello de Ministros aprobou este martes un real decreto lei que elimina o artigo 52.d do Estatuto dos Traballadores que permitía o despedimento por acumular baixas médicas nun determinado período de tempo.

Segundo explicou a ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros esta lexislación "impide que os máis vulnerables poidan ser despedidos" por ter "unha baixa xustificada por enfermidade".

Con esta iniciativa, dixo Díaz: "Imos desmontando a reforma laboral do PP", derrogando unha "anomalía ou excepcionalidade de España en relación con países da contorna que carecen dun precepto semellante". 

A ministra agradeceu ao Goberno e aos interlocutores sociais a súa actitude ante esta necesidade de achegar "seguridade xurídica" aos traballadores. 

Díaz asegurou que a iniciativa aprobada non ten carácter retroactivo, algo que lamenta porque "sei da urxente necesidade e da desazón dos traballadores que ven afectados por esta norma", que entra en vigor mañá.

O artigo 52.d avala o despedimento obxectivo "por faltas de asistencia ao traballo, aínda xustificadas pero intermitentes, que alcancen o 20 % das xornadas hábiles en dous meses consecutivos, sempre que o total de faltas de asistencia nos doce meses anteriores alcance o 5 % das xornadas hábiles, ou o 25 % en catro meses descontinuos dentro dun período de doce meses". 

Comentarios