Asaltan o Pazo de Oca e marchan sen apenas botín

A rápida activación da alarma frustrou as intencións dos ladróns

Fiestra pola que os ladróns accederon ao interior do Pazo de Oca. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera Fiestra pola que os ladróns accederon ao interior do Pazo de Oca. PATRICIA FIGUEIRAS

O Pazo de Oca, na Estrada, foi obxectivo dun roubo na madrugada deste luns. Por sorte, a activación da alarma frustrou as intencións dos ladróns.

Os ladróns intentaron entrar no inmoble sobre as 12 da noite forzando unha das portas exteriores. Romperon o cristal, pero as contraventás resistiron o intento de asalto.

Seguidamente, accederon a unha estancia rompendo o cristal dunha fiestra dun piso superior pero a inmediata activación da alarma obrigounos a marchar sen apenas botín. Os ladróns só lograron coller un crucifixo de prata e o Salmón de Ouro co que o Concello da Estrada distinguiu a Fundación Casa Ducal de Medinaceli hai exactamente un ano.

Tras tramitar a denuncia, a Garda Civil investiga os feitos.