Opinión

Asimetría normativa

NON, CLARO que non se pode lexislar para cada persoa, nin sequera para unha área mínima por moi excepcional que sexa. Nun parlamento dificilmente tería encaixe aprobar o confinamento en todo o territorio español excepto en Valdemora, o concello leonés de 75 habitantes co núcleo máis preto a dous quilómetros e libre de coronavirus. Pero neste Estado das autonomías pódense permitir asimetrías que marquen as comunidades, coas súas cámaras lexislativas e os seus executivos que exasperan a ultradereita uniformadora pero facilitan cercanía. Non se converte en nacionalista galego Feijóo cando defende unha desescalada por áreas sanitarias distinta en Pontevedra-O Salnés que no barrio madrileño de Salamanca. Como non é igual o distrito A Mariña-Lugo-Monforte, sen vítimas mortais por Covid na última semana, que o de A Coruña-Cee, na que o virus ten unha incidencia considerable. Non serían desigualdades, senón disimetrías.

Comentarios