Avisan o 112 dun secuestro en Barreiros e era unha despedida de solteiro

Os amigos do noivo introducírono no maleteiro dun coche

Zona de Viladaíde xunto á praia de Altar, en Barreiros. AEP
photo_camera Zona de Viladaíde xunto á praia de Altar, en Barreiros. AEP

A central de coordinación de urxencias do 112 recibiu este sábado pola mañá o aviso dun particular que alertaba dun posible secuestro nunha urbanización próxima á praia de Altar en Barreiros. Con todo pronto se aclarou que se trataba da broma duns amigos a outro na súa despedida de solteiro.

Segundo indican desde o 112, ás once menos cinco da mañá do sábado recibiron o aviso no que o particular —unha muller— relataba que vía a catro persoas encapuchadas á beira dun coche e que parecía que tiñan retida a outra persoa.

A central avisou á Garda Civil, que actuou de inmediato e en poucos minutos o 112 recibiu a chamada de volta informando de que se trataba dunha despedida de solteiro e de que os encapuchados eran os amigos do noivo, ao que maniataron e introduciron no maleteiro.

Os feitos sucedían na contorna dunha urbanización de Viladaíde, na parroquia barreirense de San Cosme.

Comentarios