Benedicta Sánchez: "Isto para min é moito máis importante que Cannes"

O presidente da Xunta recibe á actriz lucense: "Pedímoslle que trouxese o Goya pero esquecéuselle.. non importa: o Goya é ela"
Alberto Núñez Feijóo, recibe a Benedicta Sánchez
photo_camera Alberto Núñez Feijóo recibe a Benedicta Sánchez. PEPE FERRÍN

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, eloxiou a Benedicta Sánchez, a actriz do Corgo (Lugo), que aos seus 84 anos gañou o Premio Goya á Actriz Revelación polo seu papel no filme O que arde, de Óliver Laxe e cuxa figura é un "exemplo" e "resume" todo o bo de Galicia.

Núñez Feijóo compareceu ante os medios xunto con Benedicta Sánchez nun acto no Museo de Galicia, diante da escultura A Santa, de Asorey, que forma parte da exposición Galicia, un relato do mundo. "Benedicta Sánchez representa a cultura de Galicia, esa cultura que caracteriza a nosa forma de vivir e de entender o mundo", dixo o presidente galego sobre esta muller galega "emprendedora, emigrante e do rural e que representa a Galicia sempre que ten oportunidade", continuou. 

Núñez Feijóo trasladou á actriz o "recoñecemento" de todos os galegos pola súa humildade e por ser unha muller "singular, cunha historia singular, que se converteu nun exemplo" e que "representa algunhas das cousas máis importantes de Galicia". 

A actriz, que xa foi homenaxeada cunha Medalla Castelao pola Xunta, mostrouse atafegada polo agarimo e dixo que sente "unha honra enorme" por este recoñecemento.  Estaba previsto que comparecese co Goya que recibiu en Málaga o pasado mes de xaneiro pero quedoulle na casa. "Eu pensei en Galicia, non no Goya", dixo sobre o esquecemento.

"Pedímoslle que trouxese o Goya pero esquecéuselle... E que importa? O Goya é ela", asegurou Núñez Feijóo, que incidiu en que tivo un "frechazo" con Benedicta Sánchez cando a recibiu no seu despacho da Xunta. 

Preguntada por se o frechazo foi mutuo, a actriz ha titubeado a súa resposta e finalmente respondeu: "Como explicar o que sentín, non teño palabras... Isto para min é moito máis importante que Cannes", asegurou que lle dixo a Núñez Feijóo.  Antes de recibir o Goya en Málaga, Benedicta foi unha das "estrelas" da alfombra vermella no festival de cine da cidade francesa, onde a película recibiu o Premio do Xurado da sección Unha certa mirada. 

Sánchez recoñeceu que desde o seu debut "hai algunha cousa", en alusión a novas ofertas de traballo, aínda que non hai nada confirmado "de momento" e, ademais, non o leva ela directamente, recoñeceu. 

Na súa intervención, a preguntas dos medios, explicou que este premio e este recoñecemento chéganlle xa nun momento da vida no que ten a cabeza asentada e por iso os recibe"con humildade", xa que pola contra "a ambición" cuns anos menos podería ser outra, dixo entre bromas.

Núñez Feijóo aproveitou o acto para destacar "o bo momento que vive o audiovisual galego" con presenza "en máis de 15 festivais e mercados internacionais" en 2019.

Comentarios