O BNG esixe inmobilizar todos os bens do Pazo de Meirás 

Tamén esixe "eliminar" do inmoble todos os elementos relacionados coa exaltación da figura de Franco e da ditadura 
Pazo de Meirás. CABALAR
photo_camera Pazo de Meirás. CABALAR

O deputado autonómico do BNG Luís Bará esixe inmobilizar e "garantir a unidade e integridade" de todos os bens do interior do Pazo de Meirás de Sada, porque a condición de ben de interese cultural (BIC) do mesmo protexe "o seu contido e continente". 

En declaracións remitida aos medios de comunicación, o parlamentario refírese especialmente ás estatuas do Mestre Mateo, en mans dos herdeiros do ditador Francisco Franco, para pedir a súa mobilización "cautelar" tendo en conta que o Concello de Santiago aínda reclama a súa titularidade pola vía xudicial. 

Ademais, o BNG propón investigar todos os bens que fosen "froito do espolio" perpetrado durante o franquismo ou aqueles sobre os que existan dúbidas sobre a súa titularidade, para que sexan devoltos "aos seus lexítimos propietarios". 

Entre eles, Luís Bará menciona as pilas bautismais medievais de Moraime, reclamadas polo Consistorio de Muxía, así como as ánforas romanas que son "propiedade do Concello da Coruña", reivindica o deputado nacionalista. 

Ao fío de todo iso, o Bloque tamén esixe "eliminar" do Pazo de Meirás –que deberá ser entregado ao Estado antes do 10 de decembro– todos os elementos relacionados coa exaltación da figura de Franco e da ditadura, para evitar que as súas instalacións sexan "un museo dos horrores franquista". 

Comentarios