BNG e En Marea queren saber canto custou adiantar a viaxe de Feijóo para ir a Colón

Esixen que o PP pague a diferenza derivada do cambio da axenda oficial do presidente

Luís Villares, en el Parlamento. PEPE FERRÍN
photo_camera Luís Villares, no Parlamento. PEPE FERRÍN

En Marea e BNG rexistraron senllas iniciativas no Parlamento de Galicia a través das que preguntan polos gastos derivados da viaxe realizada a pasada semana polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a Estados Unidos, así como polo cambio no voo para participar o domingo na concentración convocada por PP e Cidadáns -co apoio de Vox- en Madrid.
 
En primeiro lugar, nunha rolda de prensa celebrada este luns, o portavoz de En Marea, Luís Villares, considerou necesario que os galegos saiban canto custou "ao erario público" a volta anticipada do presidente. 

"¿Quen vai pagar iso, a Xunta ou o Partido Popular?, preguntou Villares, que sinalou que o "adianto e a cancelación dos actos non tiveron como causa a actividade institucional senón a partidaria". 

Pola súa banda, o Bloque cuestionou canto vai custar a cada galego que o máximo mandatario autonómico "antepoña os intereses do seu partido á axenda institucional". 

Ademais, a formación nacionalista esixiu que "a diferenza económica" derivada do cambio de billete corra a cargo do Partido Popular. 

"Unha vez máis Feijóo mostrou o seu lado máis servil con Pablo Casado participando en Madrid nunha concentración que mesmo o obrigou a adiantar a súa viaxe", apuntou. 

Comentarios