O BNG pecha a porta a Anova na súa candidatura ás europeas

"Non estamos para solucionar as leas de En Marea", di a líder nacionalista tras a proposta de Beiras

Ana Pontón. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera Ana Pontón. LAVANDEIRA JR. (EFE)

A líder do BNG, Ana Pontón, pechou a porta á incorporación de Anova na candidatura para as eleccións europeas na que participa o Bloque xunto con EH Bildu e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e que será presentada este venres nun acto en Santiago de Compostela. 

"En política temos que ser serios. Para valorar propostas esas propostas teñen que existir e ser serias. Non podemos valorar propostas que non existen", subliñou Pontón a preguntas dos xornalistas este xoves, un día despois de que Anova, a través do seu cofundador e referente Xosé Manuel Beiras, se ofrecese para concorrer ás europeas baixo a candidatura das forzas soberanistas de Euskadi, Cataluña e Galicia. 

No entanto, Pontón rexeita esa posibilidade e nega que exista unha proposta real por parte de Anova, organización nada logo da ruptura do Bloque na Asemblea Nacional de Amio (Santiago) de 2012. "Non vou entrar en especulacións, leas ou barullos. En política é moi importante que sexamos serios", apostilou. 

Ademais, a portavoz nacional do Bloque instou a "os grupos que conforman En Marea que non tenten trasladar os seus problemas e as súas leas ao BNG". "Non estamos para solucionar as leas de En Marea. Estamos para traballar polos problemas do país, para traballar con seriedade e rigor para os galegos", engadiu. 

"Se En Marea ten un problema eu non me vou a meter. Sempre dixen que solucionen canto antes os seus problemas porque non creo que fagan ben a ninguén. Pero os problemas de En Marea que non nolos tenten trasladar a ninguén. Pido respecto", aseverou.

Así as cousas, Pontón dá por pechada a candidatura para as europeas, que representa unha "gran" oportunidade para "garantir" a presenza de Galicia en Europa e dar continuidade ao traballo desempeñado pola actual eurodeputada Ana Miranda. "En política hai que ser serios. Hai a quen lle gusta a lea, o espectáculo e facer frivolidades cando falamos de cousas serias", resolveu a líder frontista.