A burelá Antía Yáñez gaña o Illa Nova de novela con 'Senlleiras'

A autora é enxeñeira de Camiños e triunfa entre o lectorado mozo con historias como 'O misterio de Portomarín'

Antía Yáñez
photo_camera Antía Yáñez, con premio Illa Nova. EDITORIAL GALAXIA

A burelá Antía Yáñez (1991) recibiu este sábado na fundación Barrié de Vigo o premio Illa Nova de narrativa para menores de 25 anos coa novela Senlleiras, unha obra narrada dende diferentes tempos, que aborda unha cuestión tan presente ao longo da historia como a violencia contra as mulleres. 

O xurado, composto por Anxos Sumai, Daniel Asorey, Montse Pena Presas, Xacobe Pato e Antía Monteagudo, valorou que esta novela "conta cun estilo moi coidado, que á vez mestura diferentes voces narrativas e fontes diversas, e é capaz de recrear con precisión e profundidade todo tipo de ambientes". Ademais, subliñan que "as súas protagonistas, mulleres que teñen que construír o propio camiño para atoparse a si mesmas e, ás veces, para rebelarse, son das que non se esquecen".

Vanesa Santiago, gañadora da pasada edición, fixo entrega a Antía Yáñez dos 3.000 euros cos que está dotado o premio e a escultura da novísima artista pontevedresa Basilisa Fiestras. A escultura, ao igual que o ano pasado, está inspirada na onda que debuxou Xaime Isla Couto para as portadas dos libros da colección Illa Nova, e que está presente tamén no logo do premio. A música púxoa A Banda da Loba, que está integramente composto por mulleres.

Antía Yáñez (Burela, 1991) é enxeñeira de Camiños e na actualidade reside en Cecebre (Cambre), dende onde compaxina a escrita e a ensinanza en obradoiros literarios coa xestión dunha academia. Entre os premios dos que foi merecedora a súa obra atópanse o Lonxa Literaria en 2013, o de relatos curtos Os Viadutos en 2014 e 2017, e o certame de narración breve de Cambre en 2016. Previamente, publicara xa unha novela infantil con grande éxito entre o lectorado mozo,‘O misterio de Portomarín (Galaxia, 2016), que acadou xa varias reimpresións. Agora a súa nova novela Senlleiras, galardoada por unanimidade do xurado, chegará ás librarías nas próximas semanas na colección Literaria da editorial Galaxia, a carón dos clásicos das letras galegas.

Comentarios