Caballero reivindica ante Alberto Fernández unha "nova etapa" de relacións Galicia-Arxentina

Gonzalo Caballero y Alberto Fernández, este jueves en Buenos Aires. PSOE
photo_camera Gonzalo Caballero y Alberto Fernández, este jueves en Buenos Aires. PSOE

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, asegurou este xoves en Arxentina que un Goberno progresista "abrirá unha nova páxina nas relacións entre Galicia e Latinoamérica". Na precampaña das eleccións autonómicas do 5 de abril, o líder dos socialistas galegos reuniuse co presidente da República Arxentina, Alberto Fernández, co propósito de relanzar as relacións de Galicia co país austral e Latinoamérica se é presidente tras a cita coas urnas. 

Atendendo á información divulgada polo PSdeG, tras o encontro e en declaracións aos medios, Gonzalo Caballero acusou a Feijóo de descoidar os lazos con países "tan importantes para Galicia" como Arxentina, onde residen máis de 150.000 galegos ou descendentes de galegos. 

De feito, o socialista asegurou que o popular preferiu abrir canles de contacto cos gobernantes que lle resultaban máis afíns ideológicamente, como foi o caso dos conservadores Mauricio Macri e Pena Neto, que xa non están nos gobernos. 

O candidato socialista invita o presidente arxentino a visitar Galicia en 2021 con motivo do Xacobeo 

É por iso que Gonzalo Caballero quixo abrir con este encontro unha "nova etapa de relación fluída e cordial entre Arxentina e Galicia". A partir de aí, garantiu que un goberno progresista na Xunta garantirá "interacción continua co presidente Alberto Fernández" para "defender os intereses de Galicia e dos galegos en Arxentina, así como para desenvolver unha nova axenda de relacións internacionais con Iberoamérica".

"A Galicia interésalle ter a maior relación co presidente de Arxentina para defender os intereses das empresas galegas e a actividade da comunidade emigrada" e abrir unha "axenda de traballo conxunta" mutuamente beneficiosa que dará a ambas as zonas "posibilidades de futuro", dixo.

O candidato socialista comezou a súa visita a Arxentina cun encontro co presidente na Casa Rosada, onde, ademais, invitou a Alberto Fernández a visitar Galicia en 2021 con motivo do Xacobeo. Desprazouse despois ao Centro Gallego de Buenos Aires para manter un encontro coa comunidade galega residente no país, do mesmo xeito que no Centro Galicia

Comentarios