O xornalista Lois Caeiro, ata hai unhas semanas director de El Progreso, recibiu este mércores en Santiago unha sentida homenaxe dos seus compañeiros de profesión.
Nun acto, ao que acudiron medio centenar de amigos e xornalistas, o tamén articulista e comentarista político, entre outras moitas facetas, explicou a súa saída da primeira liña: "É o momento de que entre aire novo, xente que teña a inxenuidade de que o paraíso está á volta da esquina".
A homenaxe, organizada pola Asociación de Xornalistas de Galicia, tivo lugar no Hotel Porta do Camiño e á mesma acudiron entre outros Alfonso Sánchez Izquierdo, José Luís Gómez, Alfonso Cabaleiro, Fernando Salgado, Lois Celeiro, Ana Peón, Xosé Ramón Pousa, Caetano Díaz, o director de Diario de Pontevedra, Miguel Ángel Rodríguez, e o sucesor de propio Caeiro á fronte de El Progreso, Alfonso Á. Riveiro.
"Prensa de calidade, prensa de calidade e prensa de calidade. Esa é a receita para preservar a liberdade e os valores da sociedade democrática", indicou o comunicador nacido en Sobrado dous Monxes.
Na súa despedida de El Progreso, oficializada hai unhas semanas, o xa exresponsable deste xornal mostrábase convencido de que "hai futuro no xornalismo, porque, se non hai futuro no xornalismo, non o hai para unha sociedade libre". Engadiu que "para o que non hai sitio é para a cháchara dun patio de veciñanza".