Opinión

Calidade dos servizos turísticos (e II)

A PRIMEIRA cuestión a solventar é por que ten algún interese a calidade dos servizos turísticos. Quen é o que mede a calidade ou, tamén, a quen lle interesa?, se sempre se ten medido o éxito do turismo polo número. Pois ben, todas estas cuestións son pertinentes á hora do deseño dun plan de captación de turistas como unha venda de servizos aos viaxeiros desprazados, sexan ou non estranxeiros (é dicer, españois, outros peninsulares –bascos, cataláns, portugueses– ou estranxeiros de fóra da península).

Da calidade do turismo falan as cifras de renovación da venda de servizos e mais o gasto individual que realizan os desprazados. E non é igual un turismo de primeira venda e nunca máis que un turismo de temporada pero secuencial no tempo, que un turismo de calidade elevada de alto gasto, aínda que de menor número.

Para cada unha destas demandas hai un tipo distinto de oferta, e no caso galego, xa que non temos desfrutado das hordas de walkirias nen das de madrileños de sol e praia, nen dos árabes milmillonarios xogando ao escape internacional nen dos rusos idem, podemos, querendo facer as cousas un pouco ben, planificar que clase de oferta estamos interesados en promover para que a corrente permaneza a longo prazo e constitúa unha fonte de renda interesante para o país.

Desde o ponto de vista da escolla de alternativas de política económica do goberno galego actual, semella que se teñen decantado pola cantidade e non pola calidade facendo uso dunha corrente xa estabelecida –a do xacobeo– e aprofundando nela de forma case ostentosa. Neste caso a escolla está nidiamente manifestada polo destino e uso de fondos públicos para preparación do existente e mais para unha grande campaña propagandística, de forma e maneira que por esta vía non quede flanco sen cobrir polo menos no que se refere a chamadas e mostra de atractivos onde a baratura de todo xoga un rol fundamental. Mesmo o gratis total é un componente da oferta.

A penúltima pregunta interesante é: a onde conduce este camiño? Se case todo é barato, é porque a produción do servizo é idem. Nos servizos dos distintos sectores que compoñen a oferta turística –lembremos: o turismo non é un sector económico– o custo da man de obra é esencial, e se a oferta é de servizos baratos é na súa maior parte porque a remuneración do traballo é baixa ou moi baixa. Así atopámonos na nosa Galiza, berce de emigrantes de coñecido traxecto histórico, acollendo, penso que máis mal que ben, emigrantes ocupando postos en hostalaría. Postos deseñados como traballo barato ou moi barato, traballo precario, traballo inseguro, de temporada de xornadas delirantes, en condicións insalubres ou moi dubidosas. E todo isto para que pequenos ou moi pequenos empresarios poidan ir tirando co espellismo de ingresos para hoxe e precariedade absoluta para mañá, substituíndo na maior parte dos casos un ingreso desta procedencia polo orixinal dun sector de actividade económica, directamente produtiva, desaparecido: agrícola/gandeiro, transporte, industria, artesanado...

Estamos a tempo de ir mudando de camiño, so é cuestión de goberno.

Comentarios