Opinión

Cando o cóndor foi avelaiona

AMBAS AS dúas son aves preeiras, mais teñen diferenzas notábeis. O cóndor é moi grande, negro, con plumas brancas nunha parte das alas e arredor do pescozo. Ten a cabeza rubia, pelada, e seica lle pode mudar de matiz segundo o estado de ánimo.

A avelaiona, coñecida tamén como cabra do aire ou paxaro da morte, é unha noitébrega de tamaño medio e cabeza grande. Sobre todo na época de cío, o macho emite un longo laio e a femia respóndelle cun berro salagre. A imaxinación popular converteuna, por esta característica, en mensaxeira do pasamento.

Pois ben, por ser o cóndor habitante dos Andes e os Andes columna vertebral de Sudamérica, a operación capitaneada pola CIA levou ese nome. Nela participaron os ditadores Augusto Pinochet (Chile), Alfredo Stroessner (Paraguay), Hugo Banzer (Bolivia), Jorge Rafael Videla (Argentina), João Figueiredo (Brasil) e Juan María Bordaberry (Uruguay), este último presidente electo dous anos e despois, catro, ditador.

Nos arquivos da Axencia Nacional de Seguridade dos EE.UU. defínena como "un acordo de cooperación entre os servizos de intelixencia de América do Sur para eliminar as actividades terroristas marxistas na área". De canto terror sementaron e vidas segaron, non é preciso que fale. A quen chamaban terroristas, tampouco. O cóndor foi avelaiona, emisaria de milleiros de mortes matadas. Detrás de todo, oh paradoxo!, o premio Nobel da Paz Henry Kissinger.

O 4 de setembro de 1970, cúmprense polo tanto hoxe 50 anos, o socialista Salvador Allende gañou as eleccións presidenciais. Froito da antedita operación Cóndor, había ser derrocado en 1973. A súa morte, talvez nunca aclarada, forma parte dunha nómina tinguida de sangue na que figura, entre moitas outras, a do cantautor Víctor Jara.

Henry Kissinger aínda vive. Fixo en maio os 97 anos. Non sei se ten ou non remorsos. É moi posíbel que non os teña. Abonda con recordar o que defendeu na tese de doutoramento que fixo en Harvard nos primeiros 50. Segundo esta, a orde mundial non ten por que ser xusta, pero si lexítima. A lexitimidade non se compadece co benestar dos habitantes de todo o mundo, senón con ser acorde coas normas ditadas polas grandes potencias. Estas terán dereito a loitar contra as revolucións que ameacen o sistema.

A teor disto, matar de fame a unha gran parte da humanidade, bombardear cidades, derrubar e poñer gobernos, contaminar e outras vilezas, é lexítimo porque serve ao Capital, norma suprema do sistema.

Disque Kissinger segue a influír, como voz de prestixio, na política exterior norteamericana. Quen ousará falar alí de xustiza se esta se sacrifica á lexitimidade? Perversa espiral.

Comentarios