Os casos activos en Galicia soben en once ata os 260

Cúmprense sete días de alzas consecutivas
Persoas con mascarilla nunha rúa de Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Persoas con mascarilla nunha rúa de Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)

Os casos activos de Covid-19 en Galicia soben en 11 ata un total de 260 este xoves, de forma que se cumpren sete días de alzas consecutivas. 

Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, hai un incremento nos casos activos en cinco das áreas sanitarias: na Coruña son un total de 76 –cinco máis–; en Pontevedra son 23 –tres máis–; en Santiago son 23 –dous máis–; en Ourense son sete –un máis–; e en Ferrol son dous –un máis–. 

Pola súa banda, na área de Vigo os activos baixan nun e quedan en 49. Mentres, en Lugo os casos mantéñense en 80. 

No tocante a hospitalizacións, increméntanse nun caso respecto ao mércores, de maneira que son nove en total. Un deles está en UCI. Ademais, 250 están en domicilio –10 máis–. 

Ata este mércores, Galicia rexistra un total de 11.262 curados –11 máis que no parte anterior– e 619 falecementos, dos que 274 están relacionados con residencias de maiores. A cifra de mortes que deixa a pandemia na Comunidade permanece sen variación desde o pasado 10 de xuño.

UN CASO EN RESIDENCIAS. En canto aos casos de Covid en residencias, a situación continúa estable desde o venres da semana pasada, cando Sanidade notificou o positivo dunha traballadora dun centro de Xove que, segundo fontes próximas, contaxiouse, do mesmo xeito que outros familiares, por unha visita procedente de Cataluña. 

O número de PCR realizadas en Galicia até o momento é de 248.544, 1.704 máis con respecto aos datos do martes.