Censuran que se tardase 21 días en alertar do brote de botulismo na lata de atún

Consumur considera "moi deficiente" o sistema de comunicación á cidadanía sobre as alertas alimentarias en relación co produto elaborado por Frinsa
Lata de atún de marca DIA, onde se detectou a afección. EFE
photo_camera Lata de atún de marca DIA, onde se detectou a afección. EFE

A Asociación de Consumidores e Usuarios en Rede, Consumur, criticou que a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan) tardase 21 días en informar o último brote de intoxicación alimentaria pola presenza de toxina botulínica nunha lata de atún en aceite de girasol vendida por Día. 

Así, Consumur censura como "moi deficiente" o sistema de comunicación á cidadanía sobre as alertas alimentarias en relación con esta lata, elaborada pola empresa galega Frinsa. 

O lote deste atún foi distribuído como marca branca pola cadea de supermercados DÍA nas comunidades de Asturias, Castela e León, Cataluña, Aragón, A Rioxa, Murcia, Navarra, Castela-A Mancha e Valencia, pero non en Galicia. 

Neste caso, a Aesan tardou 21 días en facer público ao consumidor a alerta, aínda que a mesma foi activada o 9 de agosto e, segundo fontes deste Organismo, "o mesmo día 9, Aesan activou a alerta a nivel nacional e localizouse e inmobilizou de forma preventiva o produto implicado na investigación epidemiolóxica sospeitoso de ser o causante do brote: conserva de atún en aceite de xirasol da marca DIA". 

"Aínda que é certo que non se fixo público ata onte (polo venres), unha vez foron analizados os produtos sospeitosos no Centro Nacional de Alimentación e confirmada a presenza de toxina botulínica, este prazo de tempo resulta determinante para que máis consumidores poidan ser intoxicados", indican. 

Para Consumur, non é unha situación illada, "dado que no caso do brote por listeria, a Aesan fixo pública a alerta catro días logo de ter coñecemento da mesma, co agravante de que as autoridades sanitarias de Andalucía xa tiñan coñecemento da alerta desde o día 5 de agosto (11 días antes que a Aesan)". 

Comentarios