Comeza o prazo para facer as propostas para a Palabra do Ano 2020

Poden enviarse suxerenias ata o 13 de decembro ► O prazo de votación telemática abrirase do 14 ao 25 
Novas entradas do dicionario da Real Academia Galega. RAG
photo_camera Novas entradas do dicionario da Real Academia Galega rexistradas en 2020. RAG

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren este martes o prazo para realizar propostas para a Palabra do Ano 2020, un proxecto impulsado a través do Portal das Palabras para difundir o léxico galego.

Deste xeito, a cidadanía poderá decidir o termo que identifica o ano que termina, tanto para redimirse de "aquilo que se quere deixar atrás" como para plasmar o bo do exercicio que agora conclúe.

As propostas poderán remitirse até o 13 de decembro a 23.59 horas. Entre o 14 e o 25 abrirase o prazo de votación telemática, e o luns 28 darase a coñecer o fallo.

Doutra banda, o Consello da Cultura Galega impulsa a recreación da peregrinación realizada en 1927 por Vicente Risco, Otero Pedrayo e Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben Cho-Shey) desde Ourense a Santo André de Teixido.

A iniciativa busca plasmar as transformacións do rural galego a partir das descricións dos autores, que recolleron na a obra Pelerinaxes da Editorial Nós

O roteiro recréase mediante as novas tecnoloxías, e permite descubrir as transformacións tecnolóxicas e sociais de cada punto, a partir de ilustracións de Otero Pedrayo e textos de Risco, que serán a guía para entender os cambios rexistrados. 

Todo iso elaborarase a través de cartografía, modelos dixitais de terreo ou sistemas de xustaposición de imaxes e voos de dron.

Comentarios