O comité de empresa de Fontecelta convoca paros para equiparar o seu convenio ao resto do sector

As concentracións comezarán a partir do 30 de abril e ameaza con chegar a unha folga indefinida

Instalaciones de Fontecelta en Sarria. VILA
photo_camera Instalaciones de Fontecelta en Sarria. VILA

Os sindicatos Comisións Obreiras (CC.OO.) de Industria de Lugo e a Fgamt-CIG de Lugo-A Mariña, que suman representación maioritaria no comité de empresa de Fontecelta, convocaron paros na compañía de auga a partir do 30 de abril para reivindicar a renovación do convenio de empresa e equiparalo salarialmente ao convenio do sector estatal. Así, ambos os sindicatos avalan a decisión maioritaria de mobilizarse na defensa do convenio aprobada nas asembleas de traballadores que se levaron a cabo os días 21 de marzo e 10 de abril.

Segundo destacaron ambos os sindicatos nun comunicado, Fontecelta réxese por un convenio propio de 2010, que non tivo "ningunha revisión" desde ese ano "máis aló da antigüidade", polo que supón que "a práctica totalidade do salario base dos grupos profesionais máis comúns actualmente atópanse por baixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI)".

"A nivel estatal existe convenio de sector para as empresas de envasado de auga, vixente e que debería ser, cando menos, a referencia salarial para o persoal de Fontecelta, cuns salarios que están entre un 15% e 35% por encima do convenio de empresa", explicaron CC.OO e CIG.

REUNIÓNS. Neste sentido, subliñaron que desde o verán pasado o comité de empresa mantivo reunións coa dirección da compañía, co obxectivo de renovar o convenio de empresa cunha proposta de equiparación salarial ao convenio do sector estatal. "Desde entón, a empresa unicamente realizou unha proposta de incremento económico do 1,5% en 2019 e 2020, con conxelación para os exercicios anteriores, incluída a antigüidade, así como a eliminación de dereitos individuais adquiridos e consolidados", lamentaron.

Por iso, o persoal rexistrará o próximo 23 de abril unha convocatoria formal que implicará unha concentración o día 30 de abril de 14,00 horas a 15,00 horas diante da fábrica en Céltigos, en Lugo. Ademais, a partir do mes de maio todos os martes e xoves os traballadores de Fontecelta pararán unha hora por quendas de 13,30 horas a 15,30 horas, "con previsión de endurecer a duración e o número de xornadas de folga e, se é necesario, reservándose o dereito de ampliar as mobilizacións ata a folga indefinida en calquera momento".

Comentarios