Convocan folga e concentracións de profesores contra o inicio de curso en Galicia

Os sindicatos instan a reducir o número de alumnos por aula e a contratar docentes para poder cumprir coas medidas de seguridade
Aula vacía. ARQUIVO.
photo_camera Aula vacía. ARQUIVO.

As xornadas de arranque da actividade lectiva nos centros galegos estarán marcadas por unha folga de profesorado nos niveis que progresivamente iniciarán o curso. O 10 de setembro, están convocados os docentes de infantil e primaria, mentres que o 16 o estarán o resto de etapas educativas coincidindo co primeiro día de clase en secundaria, bacharelato e formación profesional

Os sindicatos CIG, CC.OO., STEG e CSIF presentaron este luns a campaña de mobilizacións para esixir un retorno á presencialidade con todas as medidas de seguridade necesarias e que dubidan que se poida materializar coas medidas "de custo cero" anunciadas pola Xunta para adaptar a actividade deste curso ao contexto de crise sanitaria provocada pola Covid-19. 

Suso Bermello, da CIG-ENSINO, advertiu de que o curso "non pode empezar con normalidade" nas condicións plasmadas no plan do Goberno galego, con aulas de 25 alumnos e un distanciamento inferior aos 1,5 metros que indican as recomendacións sanitarias. 

A iso uniron a falta de avaliacións de risco. Luz López, de CC.OO, insistiu en que unha aula de 30 metros cadrados require tomar medidas en función do aforo máximo e as distancias de seguridade, en función de cada centro, o que obrigaría a "baixar o cociente" de alumnos por aula en termos diferentes aos expostos pola Xunta.

SEN INVERSIÓN. Os representantes docentes acusaron á Xunta de evitar realizalo para anunciar e intentar manter un inicio de curso "ordinario a custo cero", evitando facer os desdobres necesarios en función dos criterios de seguridade e sen reforzar o persoal. 

Nesta liña van tamén os chamados grupos burbulla, engadiron, ao ser utilizados como argumento para evitar o criterio das distancias de seguridade pero que na práctica "deixarán de selo" cando os alumnos utilicen os servizos de transporte, interactúen no exterior e nos seus fogares. 

Bermello apelou á mobilización como "medida de forza e de presión" para que a Xunta reformule o protocolo para o regreso ás aulas e evitar que "cometan unha temeridade". Para iso, ademais das dúas xornadas de folga para o 10 e o 16 de setembro, pídese ao profesorado que se concentre a unha hora fixa nos centros e comparta as súas imaxes en redes sociais coa etiqueta escolacontracovid, en defensa dun regreso á presencialidade "pero con seguridade". Doutra banda, promoveranse resolucións críticas tanto en claustros como en consellos escolares.

UN ECOSISTEMA "DELICADO".  A campaña da continuidade ás protestas emprendidas xa no mes de xullo polas organizacións sindicais e para reclamar "un cambio transcendental" na política autonómica. 

Lois Pérez, de STEG, advertiu de que os centros representan "un ecosistema delicado e fráxil" e unha garantía para o reequilibrio das desigualdades sociais, a inclusión e a equidade, pero a Xunta non asume "compromisos de investimento" nin de recursos humanos nin materiais e "deixa ao arbitrio" dos docentes de funcións que "exceden" a súa responsabilidade e para as que non están preparados. 

Neste sentido, José Carlos Fernández (CSIF) advertiu de que unha situación extraordinaria require "solucións" do mesmo calado e que mentres outros sectores contan cunha serie de accións e protocolos de prevención de risco e distanciamento, isto "non se ve cumprido" no ámbito da Educación nos termos actuais. 

Tampouco teñen coñecemento do estado das probas do coronavirus ao profesorado. Tanto Bermello como López reprocharon o feito de que se optase por realizar test e tipo serolóxico mentres noutros sectores como o fútbol se lles realiza PCR antes de xogar un partido, ademais de lamentar a falta de concreción sobre as substitucións e ausencias de docentes contaxiados.

Comentarios