Opinión

O corazón quente da cidade

"O AIRE da cidade fainos libres", exclamaban os que lograban escapar da férrea servidume dos señores. Velaquí un espazo de liberdade e de convivencia, onde se concentra demografía y economía, onde se moven as ideas, onde o que se comparte enriquece. E iso que agora, grazas ás redes, a cidade é moito máis ancha e moitísimo máis estensa que o que di a xeografía.

Da mesma maneira que os rumiantes teñen varios estómagos para procesar os alimentos, as cidades teñen corazóns onde late a cidadanía e se procesan os valores cívicos. O máis evidente é o das rúas e prazas, onde circula, remansa, tropeza, fala e se move o sangue cidadán. Hai outros pequenos corazóns de silencio en igrexas e museos, onde todo se apacigua, onde cadaquén enfróntase aos propios espellos. Pero o corazón quente da cidade éche a biblioteca pública. As bibliotecas públicas.

O enorme escritor Manolo Rivas, que converte en ouro o que escribe, di que os libros e non as pantallas, as bibliotecas e non internet, son o corazón das escolas, dos institutos e de cada facultade. As bibliotecas son o corazón quente das cidades.

Todo a favor e nada en contra das pantallas, ordenadores e smartphones. Nada contra as novas tecnoloxías ata que se converten en patoloxías. España vén de incluír a adicción dos menores a internet na súa estratexia de loitas contra a drogadicción. Un da cada cinco adolescentes, e adultescentes, usa compulsivamente a red. Esa patoloxía é imposible de atopar nas biblitecas, máis ben alí atópase a vacina.

A gran revolución pedagóxica, di, é situar a biblioteca no centro xeográfico de cada escola. A máis fermosa revolución cívica e educativa é colocar bibliotecas nos embigos da cidade: o centro e os barrios. Ángel Cabrera, reitor español da maior universidade de Virginia vén de declarar que ningunha sociedade fracasou nunca por ter educado demasiado. Por ter lido moito.

As escolas, claro, non son xardíns de infancia, nin garderías revoltosas os institutos: son espazos de convivencia, de crecer conxugando dereitos e deberes, de compartir para enriquecerse, desa taracea do aprendizaxe onde traballan artesanalmente alumnos e mestres. Agora son espazos conquistados e colonizados polas novas tecnoloxías, e iso está moi ben. Semella que o soño dos responsables educativos é colocar diante dos ollos de cada alumno, de cada cidadá unha táblet, un móbil. Pero o que tamén activa e fai ferver os cerebros é o manexo do dicionario, os clásicos que permanecen, a lectura de libros onde se enfrontan dúas frutíferas soidades, a do autor e a do escritor. E o cerebro respira o aroma dos libros, droga sana e necesaria que activa as neuronas.

Na biblioteca. En silencio. No corazón quente da escola. Nos corazóns quentes das cidades.

Comentarios