Imprimir

A crise industrial en Galicia copará o pleno coa comparecencia de Conde

Efe | 01 de octubre de 2019

Francisco Conde. DP
Francisco Conde. DP
Os grupos da oposición, a excepción do PSdeG, solicitaran a comparecencia de Núñez Feijóo

A crise industrial en Galicia, marcada polo anuncio de peche da central térmica nas Pontes centrará o pleno da próxima semana, que incluirá unha comparecencia do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, ante a negativa do Goberno autonómico de aceptar que fose o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, quen comparecese.

No entanto, o máximo mandatario autonómico deberá responder sobre a situación industrial en Galicia xa que tanto o Grupo Común da Esquerda como o BNG empregarán a sesión de control ao presidente para cuestionalo a este respecto.

Os grupos da oposición, a excepción do PSdeG, solicitaran a comparecencia de Núñez Feijóo pero a Xunta entendeu que era máis acertado que quen se manifestase a este respecto fose o responsable de Industria que é o "que está a facer as xestións diarias" para tentar resolver o "problema creado polo Goberno de España", segundo explicou o portavoz do PPdeG, Pedro Puy.

O portavoz socialista no Hórreo, Xoaquín Fernández Leiceaga, explicou que o seu grupo non asinou esta petición porque entenden que o Goberno autonómico está a utilizar esta problemática para "facer campaña" de cara ás eleccións xerais, a través dunha "confrontación política estéril" que non busca atopar unha "saída real" do problema.

Manuel Lago, portavoz de Grupo Común da Esquerda, explicou que a súa formación centrará as súas iniciativas en denunciar a "desertización industrial" que vive Galicia da que responsabilizan ao actual Goberno galego, "ninguén na historia do noso país lle fixo tanto dano á industria como Feijóo".

Segundo asegurou Lago, desde que goberna Núñez Feijóo, en Galicia perdéronse 22.000 empregos industriais mentres que o presidente actúa como "un covarde" e négase a dar explicacións en pleno ante esta situación.

De igual forma, a viceportavoz do Bloque no Parlamento, Olalla Rodil, sinalou que o seu grupo tamén dedicará a pregunta ao presidente para abordar esta problemática en tanto que a "desertización industrial" afecta a numerosas comarcas de Galicia "desde Alcoa en San Cibrao, os estaleiros Vulcano e Barreiras en Vigo ou a situación de Ferroatlántica", lamentou.

Por iso, Rodil censura que o presidente opte por "esconderse detrás do conselleiro" vetando a comparecencia solicitada polos grupos para que Conde se centre "só nas Pontes para fuxir de responsabilidades".

O líder de En Marea e portavoz do Grupo Mixto non terá neste pleno posibilidade de preguntar ao presidente pero rexistrou unha "pregunta urxente" ao Goberno co obxectivo de tamén abordar esta cuestión despois de que a Xunta non fixese nada para estar "preparada" ante o inminente peche da planta e reabsorber o emprego da mesma a través doutras iniciativas.

Mentres tanto, os socialistas empregarán a súa quenda para realizar unha pregunta "aberta" e esixir a Feijóo un balance do seu Goberno. Outro dos temas que centrará a sesión plenaria da próxima semana será a posible venda do hospital vigués Povisa ao grupo Ribeira Saúde, pola que preguntarán todos os grupos da oposición.

Así mesmo, o pleno tamén servirá para, o martes, dar inicio á tramitación da lei de abastecemento de auga para períodos de seca, segundo sinalou Pedro Puy e para, o mércores, someter a votación o teito de gasto ao que a Xunta dará luz verde esta mesma semana. Tamén se debaterán diversas iniciativas sobre a situación ambiental (Grupo Mixto), sobre as prazas MIR (PSdeG), a situación do galego (BNG) e propostas para a elaboración da nova Lei do xogo en Galicia (PPdeG).

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/galicia/crise-industrial-galicia-copara-pleno-coa-comparecencia-conde/20191001144533065982.html


© 2019 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)