Cs rompe con Valls no Concello de Barcelona

A formación tomou a decisión despois de que o exprimeiro ministro francés apoiase a continuidade de Ada Colau como alcaldesa 

Manuel Valls. EFE
photo_camera Manuel Valls. EFE

Cs decidiu separase do grupo municipal do Concello de Barcelona que lidera o exprimer ministro francés Manuel Valls e seguirá pola súa conta "e con voz propia" cos seus tres concelleiros.

Unha medida que adoptou a Executiva do partido, explicou a portavoz, Inés Arrimadas, nunha rolda de prensa na sede de Alcalá, despois de que Valls decidise apoiar a continuidade de Ada Colau como alcaldesa de Barcelona para cortar o paso ao candidato de ERC, Ernest Maragall.

A pinga que colmou o vaso, explicou, foi o apoio de Valls á investidura de Colau como alcaldesa xunto aos outros dous edís independentes da lista Barcelona pel Canvi-Cs, o exsocialista Celestino Corbacho e Eva Perera.

Valls, a quen o secretario xeral de Cs, José Manuel Villegas, comunicou esta ruptura despois da reunión da Executiva, seguiu adiante coa súa decisión de apoiar a Colau sen condicións, como mal menor, a pesar de coñecer a desconformidade do partido laranxa.

"Tiñamos razón: a diferenza entre Maragall e Colau é moi pouca e xa se viu porque a súa primeira decisión foi volver pór o lazo amarelo na fachada do concello", subliñou Arrimadas, utilizando este espazo como "taboleiro de anuncios do separatismo".

Os outros tres edís da lista, Francisco Sierra, Marilen Barceló e María Luz Guilarte, formarán grupo propio no Consistorio barcelonés.

Pouco máis dun ano durou a relación de Cs con Valls, unha relación marcada polo distanciamento do exprimeiro ministro francés co posicionamento do partido sobre Vox, que non gustaba nada ao aspirante apoiado por Cs e que publicamente o manifestou.

De feito, o líder da formación, Albert Rivera, non fixo campaña en favor de Valls en ningún momento e tampouco compartiron ningún acto durante os xenerais.

Cs, sinalou Arrimadas, nunca negou as "discrepancias" con Valls, pero isto foi "unha discrepancia moi importante nunha cuestión moi importante". 

Comentarios