Opinión

Cuestión de disciplina

En plena pandemia da convocatoria de setembro (é dicir, repe), observamos condutas igual de irresponsábeis que na convocatoria ordinaria (de marzo a xullo, practicamente un cuatrimestre universitario dos do plan Bolonia). Deducimos que na primeira convocatoria non se aprendeu nada e, o que é pior, por moito que repitamos, pode ser que non haxa aprendizado posíbel. As causas, como case todo, son de tipo cultural, quer dicir, sociais, do modo en que a nosa cultura se entende a maneira de vivir, de socializar, de se relacionar, do uso dos espazos, e do que chamariamos ben común. Se nos referimos só á analise da conduta individual observada, hai algunhas observacións curiosas. Todo empezou de forma indiciaria con aquela pergunta —dirixida a un neno ben pequeno— nun restaurante, hai máis de 20 anos: "cariño, que queres comer?!!!"; por aquí ninguén falaba aínda da síndrome do emperador, pero xa había competicións por ver que pais chegaban antes. Seguimos coa permisividade parental e das autoridades para facer botellóns nas cidades tendo como protagonistas nenos en idade de medraren. Continuamos desprezando as cifras de coma etílico en adolescentes e rematamos chamando xóvens aos de 40 anos: para cando a madureza? Resultado: a indisciplina que a modo de tatuaxe no cerebelo se interiorizou na sociedade. E, como dixo unha amiga miña de Oviedo recollendo as impresións das ensinantes: agora se sabe en sociedade o que xa sabiamos nos institutos: nin normas, nin disciplina, nin educación cívica, nin saber distinguir a festa do traballo. Educamos e criamos unha xeración cun plan de socialización non só permisivo senón delirantemente declinante dos deberes. E agora nin premiando o respeito ás normas se logra que se cumpran, salvo cando a sanción punitiva acompaña a letra da lei (e distinguindo escrupulosamente leis de adorno e leis de cumprir: as de igualdade e as do idioma son leis maría; as de Facenda de cumprir). Os dereitos do neno están recollidos na declaración universal da Onu; o primeiro é o dereito a vivir en sociedade formándose como ser humano digno: ben coidado, alimentado, educado e con medios de porvir suficientes. Aí non se di nada da permisividade, en realidade cómplice da desatención. Na corte dos reis usouse unha forma de botar a perder unha persoa e ao mesmo tempo controlala: educala na permisividade absoluta da súa vontade caprichosa. Cando os titores buscaban un/unha rei/ raíña adecuado/a ás necesidades, a educación era firme seguidora da disciplina máis férrea sen caer —como se debe sobreentender— na dureza de carácter. Hoxe temos, aquí e agora, o problema de non entender, non asumir, non respeitar as normas. Debeu de ser así entendido polos gobernantes cando en marzo fixeron pasear polas rúas das cidades unidades do exército de terra. As imaxes foron moito máis convincentes (poñía medo ver os armados patrullando) que a letra da lei declarando o toque de queda. Outro asunto, que merece atención á parte, é a ausencia de credibilidade e autoridade dos gobernantes gañadas a pulso a base de contradicións e corrupción.

Comentarios