Blog | O Cabaret Voltaire

O cura que marchou sobre o vento do sur

Faleilles algunha vez do cura don Xulián? Non o lembro. Volvo facelo, por se acaso. Era un sacerdote de Ribadeo, que se lanzou voar dende a Atalaia. Usou unhas ás confeccionadas con pólas de bidueiras que medran onde o regato de Vilaselán se transforma milagreiramente no océano Atlántico.

TODO O QUE sabemos sobre o destino de don Xulián figura nos anais da parroquia de Vila Iuliani —Vilaselán de nome deturpado—. Unha anotación do 9 de xaneiro de 1743 rexistra a desaparición do párroco e a súa substitución por outro.

Disque no amencer dese día, co ceo benevolente —tivo que coller vento sur—, saltou dende o valado da Atalaia, entre os canóns do galeón San Giacomo di Galizia, que secuaces de Drake afundiron na ría de Ribadeo.

O vento Terral sopraba cun arrastre pouco habitual nese aire cálido e calmo. O sacerdote comprobou que as cinchas de coiro estaban ben amarradas á tea dunhas sotanas estendidas e lanzouse ao baleiro. Empezou a sobrevoar a ría subindo e baixando polos ventos, que o transportaron lixeiro como unha pluma de ganso por riba da Punta da Cruz e máis aló.

Poucas noticias temos do paradoiro de don Xulián. Unicamente unha carta remitida polo fillo do armador Bengoechea, que estudaba bacherelato en Londres. Refire que se fala na corte do rexente Carlos Eduardo Estuardo sobre un cura galego que amerizara no Támesis en plena noite escura da alma e que lograra sobrevivir grazas ao socorro fraternal dun sacerdote anglicano.Entendíanse por veces movendo xordamente as man, por veces cordialmente en latín.

A película comeza con dous homes que queren deixar de ser: Joseph Ratzinger quere deixar de ser o papa Benedicto XVI e Jorge Bergoglio quere deixar de ser cardenal

Acordei de don Xulián tras ver Los dos papas en Netflix por consello fraternal de Nicolás Carreira. A película comeza con dous homes que queren deixar de ser: Joseph Ratzinger quere deixar de ser o papa Benedicto XVI e Jorge Bergoglio quere deixar de ser cardenal. O primeiro porque non soporta ter riba o peso descomunal desa balea espiritual que é a Igrexa católica. O arxentino porque non soporta unha mestura de cargo de conciencia polo seu comportamento na ditadura de Videla e de frustración por ter perdido unhas eleccións a pontífice na fedarquía vaticana.

A miña sinopse do filme sería unha longa conversa entre dúas persoas que tratan de explicar e explicarse a súa tibieza co fascismo, ampliable no caso do xermano á súa omisión de auxilio a nenos que estaban sendo violentados por subordinados seus. A motivación foi evitar verse atrapado pola caída do templo como ben sabía que lle aconteceu ao honesto Sansón.

Por unha banda, podo condear ambos os dous; por outra, podo entendelos. Foron malos  samaritanos, cando menos careceron do ánimo preciso; pero son comprensivo co Vicente Risco que se horrorizaba, en 1938, "del caso insólito de esos señores que se titulan católicos, que están defendiendo un gobierno ilegítimo, comunista, revolucionario, laico, masónico, perseguidor de la Iglesia, contra un gobierno católico y de orden, como es el del Generalísimo Franco". Canto había de fe e canto había de medo? Son incapaz de medilo.

Para a miña sorpresa os termos que usa Risco están de volta na dialéctica ideolóxica. Agradezo que se debatan teorías políticas, pero pido un rigor detrás. A acusación non a vou dirixir contra o sonado ensaio de Elvira Roca Barea Imperiofobia y leyenda negra: Roma, Rusia, Estados Unidos y el Imperio español (Siruela) porque, como lle acontece a ela, tampouco son historiador. Todos temos un pasado, polo que todos nos sentimos autorizados polas vivencias e as lecturas a opinar sobre a Historia, que é un masa de acontecementos e intencións bastante críptica. Seríanos máis sensato cedela ao estudo dos profesionais.

Dubido a quen crer, como nos acontece a todos os que padecemos os coletazos feroces da propaganda franquista

O asunto é que a filológa está recibindo labazadas documentais por parte de expertos como Carlos Martínez Shaw, aínda que se lle unen con maior eco o historiador da filosofía José Luis Vilacañas e mesmo o mariño Arturo Pérez Reverte, quen vén de confirmarnos nunha novela a sospeita de que El Cid era un mercenario que traballaría para empresas como Blackwater se vivise entre os mortais.

Atrapado neste rebumbio informativo e literario síntome confuso, dubido a quen crer, como nos acontece a todos os que padecemos os coletazos feroces da propaganda franquista. A clave atópoa no profesor de Filosofía Rafael Narbona: "Quizás Roca Barea ha incurrido en inexactitudes en Imperiofobia, pero ha logrado algo muy valioso: mejorar la autoestima de los españoles, tan dañada por el auge del independentismo y la hispanofobia". Narbona argumenta que o importante non é tanto a seriedade científica como unha victoria de Rafa Nadal; quero dicir, que tanto ten que o ensaio de Roca Barea trate de facer pasar unha arenga nacionalista por unha descricpición obxectiva de feitos.

Podo comprender que a dereita necesite renovar a súa brunete ideolóxica fronte ao arredismo catalán, pero chegamos á infamia de que a febleza argumentativa foi validada polo manifesto En defensa de Elvira Roca, que publica El Mundo, con 101 abaixoasinantes. Contei entre eles catro historiadores e 97 patriotas.

Todos os meus respectos ao coruñés Blanco Valdés no campo do Dereito Constitucional, todo a miña indiferenza cara ao vigués Pedro Insua no campo da Filosofía, pero están avaliando un tratado de Historia concebido e redactado por unha filóloga. O manifesto conta coa sinatura de Albert Boadella Oncins. Calquera reflexión que asine Boadella queda anulada para min, especialmente se é unha obra de teatro.

Ignorar a natureza vertical e autoritaria dunha ditadura é o último que agardaba dun xuíz que exerce nunha democracia

Co cadáver do respecto pola ciencia aínda quente, leo a sentenza na que a Audiencia de Madrid cuestiona a peritaxe que estableceu que as estatuas do Mestre Mateo que teñen os Franco sexan as estatuas dos Mestre Mateo que teñen os Franco. Non vou erixirme en xuíz, non teman. Soamente vou anotar que a resolución fixa que "el hecho de que el régimen tuviese un carácter dictatorial, no significa que las diversas corporaciones (...) regalasen graciosamente cualquier bien que el Jefe del Estado y su esposa pudiesen desear". Ignorar a natureza vertical e autoritaria dunha ditadura é o último que agardaba dun xuíz que exerce nunha democracia. 

Volvendo á corrente de fondo deste meu texto, sinalo unha apreciación do catedrático ribadense de Historia Lourenzo Fernández Prieto ao respecto: "Seica os xuíces só falan nas sentenzas, pero non sabía que falaban de Historia política".

Los dos papas tamén fala de Historia política, do goberno dunha sociedade con 1.300 millóns de fieis.  Han perdoar a miña deriva, pero mentres vía a película de Fernando Meirelles non dei evitado fantasiar cun filme ambientado en 2017 que contase un encontro entre o renunciante director da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero e o aspirante ao cargo Víctor Freixanes, entre o intelectual sólido e o pragmático home de mundo. Imaxínoos falando gravemente do futuro da RAG mentres saen da sede da Academia para enfiar a rúa das Tabernas cara aos xardíns de San Carlos. Alonso Montero coas mans nas costas e Freixanes sen parar de axitalas. Ben, deixo a idea sobrevoando o aire fresco que sopra nesta despedida do 2019.

Comentarios