Decretan o internamento nun psiquiátrico da muller que matou dous anciáns en Arzúa 

O xuíz considerouna culpable de dous homicidios dolosos, pero decretou a eximente completa de alteración psíquica
Vivenda na que se cometeron os asasinatos, en Arzúa. EP
photo_camera Vivenda na que se cometeron os asasinatos, en Arzúa. EP

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña decretou o internamento nun centro psiquiátrico, por un máximo de 30 anos, para a muller que matou en 2016 dous anciáns en Arzúa. 

Así o determinou a Audiencia de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, que considerou a muller culpable de dous homicidios dolosos, pero decretou a eximente completa de alteración psíquica. 

En consonancia, e como medida de seguridade, a Audiencia acordou o seu internamento para tratamento médico nun centro psiquiátrico penal adecuado ao seu tipo de anomalía ou alteración psíquica por un tempo máximo de trinta anos. A muller non poderá abandonar o establecemento sen autorización do tribunal, o cal poderá modificar a medida de seguridade segundo a súa evolución de acordo ao Código Penal. 

O Tribunal do Xurado considerou probado que durante a comisión dos feitos, a acusada presentaba un trastorno psicótico agudo que "anulaba totalmente as súas capacidades cognitivas e volitivas". 

No entanto, a Audiencia destaca na sentenza que, de acordo cos informes periciais, a muller "presenta perigo criminal", polo que é necesario que sexa tratada "nun centro acorde coas súas características e condicións persoais" en réxime pechado.

FEITOS. Os feitos ocorreron na madrugada do 27 de xullo do 2016, cando a condenada colleu un coitelo xamoneiro de 25 centímetros da cociña da súa casa e dirixiuse á dos anciáns, que durmían nese momento. A muller entrou na vivenda coas chaves que o matrimonio adoitaba gardar no alfeizar dunha fiestra e, unha vez no dormitorio, asestoulles varias coiteladas que lles causaron a morte. 

No xuízo, a procesada, que recibía tratamento psiquiátrico desde o ano 1994 por diagnóstico de esquizofrenia diferenciada, acolleuse ao seu dereito a non declarar, do mesmo xeito que o resto de familiares –marido e filla– con quen residía na vivenda. 

Comentarios