Opinión

O desazo, ese fillo da inxustiza

O DESAZO, desalento ou desánimo, anda a se apoderar de boa parte da poboación máis consciente e ben intencionada deste tempo. Como nun relato de Kafka –O proceso, por exemplo– no que non se atopa esa xustiza poética que resarce das penurias pasadas, o The End feliz que pon a cadaquén no seu lugar.

Se, como Pacheco, o que fora alcalde de Jerez de la Frontera, asegurou que a xustiza é un "cachondeo", ninguén me vai poder condenar porque o Tribunal Supremo absolveuno nese caso, creando así xurisprudencia. Mais non se preocupen, que non o direi. Vostedes teñen ollos e ouvidos coma min e poden tirar as súas propias conclusións.

O caso é que, xa en 2012, concretamente o 16 de marzo, neste mesmo lugar, no artigo titulado Da honra e da honradez, escribía que varias persoas investigadas na Operación Campión sairían absoltas porque, despois de todo, a súa desgraza fora cruzarse nalgún punto con alguén sen escrúpulos, disposto, cal kamikaze, a morrer matando. E preguntábame como lles poderían compensar a angustia de se veren acusadas sen razón e seren, xa por sempre, obxecto de sospeita para algúns. A honradez –dicía– é un atributo da persoa que ninguén nos pode roubar. A honra é o prestixio que dá a honradez ou tamén, como se adoita dicir, a que nos poñen, vulnerábel cal a neve.

Tantos anos despois, a honradez dos honrados segue a ser a mesma; mais a carraxe, a sensación de seren espoliados da súa tranquilidade, do seu sono e, en parte, da súa honra, non irá a menos se, quen se equivocou, non fai a palinodia correspondente.

Un médico pode errar, fallar no seu diagnóstico: é humano. Porén, se non aplicou o protocolo adecuado, se non fixo as probas que cumprían, algo de culpa terá cando lle anuncia ao doente unha enfermidade que está lonxe de padecer. Do mesmo xeito, quen xulga, deberá xuntar e avaliar probas antes de poñer na picota dos medios de comunicación as persoas que, pola súa actividade pública, son máis vulnerábeis. Determinadas actuacións fan sospeitar de que primeiro se acusa e despois, como aquel personaxe de Cunqueiro, andan a buscar a cagada do lagarto.

Nos tempos en que nos razoaban máis coa zapatilla que coas palabras, as persoas trasgas coma min pagabamos a miúdo polo que non fixéramos. Era habitual que, descuberto o engano, abrisen máis a ferida dicíndonos: "Vaian (de ir) ou vallan (de valer) polas veces que as mereciches e non as levaches". E doía ou, se cadra, aínda doe.

E non lles vou restar importancia ás cousas que denuncio comparándoas con outras máis cruentas que acontecen no mundo. Así se empeza, poñendo ao mesmo nivel a verdade que a mentira. Sementando desazo.

Comentarios