Opinión

A descortesía de dar labazadas a un morto

O mundo literario está cheo de voluntarios para pegar a un cadáver, xa estea morto ou unicamente ausente

Lauren Bacall

UNHA BROMA celebrada entre os surrealistas fora proposta por Louis Aragon: "Xa deches unha labazada a un cadáver?". Entre artistas e mediocres hai unha tendencia morbosa por pegar a finados.

Eses mortos non teñen que estar fisicamente mortos. Estar ausente é un xeito de ser cadáver. Calquera que participase nun cea relacionada coa publicación de libros sabe que as conversas son un matadoiro polo que van pasando editores, escritores e críticos que non están presentes. Eu deixei de frecuentar os cenáculos literarios dende que lle lin a Valle Inclán que cear en público era unha vulgaridade, que o meritorio era que o invitasen a un xantar á vista de todos. O dramaturgo galego relacionaba cantidade e prestixio social.

Hai unhs semanas asistín a unha cea literaria coas dimensións do banquete duns dinosauros. Non era unha voda galega, pero a sopa tamén se arrefriaba mentres era levada dende a cociña e as mesas do fondo, e mesmo servían Albariño. Convidábanos unha editorial mastodóntica e, como esperaba, cansei de escoitar ironías dos outros comensais sobre a calidade das obras que lanzaba ao mercado.

Nesas escenas lembro que, para poder publicar un Roberto Bolaño, tes que publicar un Michael Crichton. O director editorial  de Alfred A Knopf, Robert Gottlieb, arguméntao nas súas memorias, Lector voraz (Navona) a respecto do seu traballo con Crichton, o autor de Parque Jurásico. "Si algo no era Michael era un buen escritor", sinala Gottlieb, "pero trabajando con él empecé a comprender cómo funciona un género y cómo un escritor puede convertirse en un género. Las novelas de detectives son un género, pero también lo es la propia Agatha Christie".

Os xéneros tamén teñen xerarquías. "Los más populares suelen ser los que mejor hacen lo que saben hacer; Stephen King, John Grisham y Danielle Steel son los mejores", argumenta o editor.

Michael Crichton permitía a Alfred Knopf facerse levar brotes de folgueira de Irlanda ao seu restaurante favorito de Nova York, pero tamén financiar os libros de John Cheever.

Herralde defende que "debe escribirse como si se estuviese uno muerto", coa mesma valentía e publicidade

Pero saber dese equilibrio non acala as maledicencias entre editores e entre autores, e mesmo dun grupo co outro, como recoñece o fundador de Anagrama, Jorge Herralde. No libro Para Roberto Bolaño (Acantilado) reúne textos que dedicou ao seu amigo e escritor. Herralde defende que "debe escribirse como si se estuviese uno muerto", coa mesma valentía e publicidade. No caso de Bolaño, indica que esa foi a súa actitude porque o autor chileno se manexaba polo emblema de Aleo de Mitilene, o amor que Safo tiña en Lesbos: "Se vas dicir o que queres, tamén vas oír o que non queres".

Mesmo cando se pega a un cadáver hai que respectar unha certa etiqueta. O filósofo francés Guy Debord fixouna en Consideracións sobre o asasinato de Gérard Lebovici (1985), na que cita o escrito de ofensa como un dos xéneros literarios máis respectables. "A dificultade na carta de inxurias non pode ser estilística, a única consideración difícil a facer é ter a seguridade de que un está no seu dereito de escribila respecto a certos receptores. Nunca deben ser inxustas", advertía Debord.

Bolaño era un detective salvaxe. Disparaba mediando palabra porque amaba os libros. Cando Isabel Allende soaba para o Premio Nacional de Literatura de Chile propoñía o paralelismo de "darle el Pulitzer a John Grisham o a Ken Follet. Eso es confundir el hit parade con la narrativa". Definiu a García Márquez como "un hombre encantado de haber conocido a tantos presidentes y arzobispos". Desas afirmacións deduzo que non concedía que Allende ou García Márquez fosen xéneros en si mesmos. Ben coñecida é a súa devoción por frecuentar os ambientes nos que o informaban dos escarnios e maldiceres literarios máis saborosos.

O autor chileno si que era un xénero propio como demostran as falanxes de imitadores que ten, aínda que a min o xénero Bolaño de elaborar literatura con literatura paréceme culpable de artificio e aire cargado. A orixe deste xénero conta coa fascinación de que, cando os pais o levaron de Chile para vivir en México con 15 anos, sufriu tal impacto que se confabulou consigo mesmo para non volver entrar nun aula na súa vida. Por iso, toda a súa sabedoría procedía do seu propio e incerto criterio de lectura.

Lauren Bacall, tendo unha estrela brillando no Paseo da Fama, tivo que asumir o seu lugar cando escribiu unha autobiografía para Knopf en 1978.  Roberto Bolaño consideraba que "las únicas autobiografías interesantes son las de los grandes policías o las de los grandes asesinos, porque de alguna manera rompen ese molde deprimente y real de que el destino de los seres humanos es repirar y un día dejar de hacerlo". Bacall tivera trato directo con investigadores reputados e con criminais crueis nun número importante de películas polo que supoño que Bolaño lle aprobaría un libro de lembranzas.

Robert Gottlieb encargouse dirixir a edición das memorias da intérprete. Lauren Bacall fixo valer os seus dereitos adquiridos como diva: puxéronlle un despacho na editorial e obrigou ao propio editor a levarlle persoalmente nun tren os rulos eléctricos que precisaba para unha entrevista televisiva en Atlanta debido a que os esquecera en Nova York.

Ela reservou a súa vinganza para exhibila nun lugar preferente: a capa do libro ao chamalo 'Por min mesma'


"Solamente tuvimos un momento difícil", revela o editor. "En la portada había unha foto suya y en la contraportada una foto de ella con Humphrey Bogart. ¡De ningún modo!, explotó a actriz. Era su libro, no el libro de Bogart". A Lauren Bacall le costaba aceptar que era unha secundaria no xénero Bogart e estaba disposta a dar un lapote a un morto, mesmo a un finado que quixera tanto. Pero Gottlieb sabía que "los actores responden a una mano dictatorial" e fíxolle ver que a un editor lle pagaban por vender libros. Ela reservou a súa vinganza para exhibila nun lugar preferente: a capa do libro ao chamalo Por min mesma.

O volume chegou a encabezar as listas de vendas durante semanas para sorpresa do director editorial de Knopf. Había un público que ignorara. "Las lectoras judíos no solían comprar las biografías de las estrellas", pero leron por milleiros a obra da intérprete porque ela tamén era xudea. "Cuando murió, la efusión de tristeza y amorosa nostalgia reveló lo que su éxito había supuesto para decenas de miles de mujeres judías de su época".

Por min mesma encadeou outro éxito aínda máis inesperado porque gañou o National Book Award. "Lauren Bacall estaba encantada, pero no sorprendida", apunta Gottlieb nunha nota que retrata a consideración na que se situaba a si mesma.

A catalogación de Roberto Bolaño como xénero literario permite mesmo que lle aparezan subxéneros, como o folletín. Quedou visto para sentenza o xuízo polo que a súa viúva, Carolina López, pide 250.000 euros a Carmen Pérez de Vega por afirmar que era a derradeira noiva do escritor e outros 250.000 euros á xornalista Mónica Maristain por publicar que o matrimonio "estaba separado, aunque no de forma oficial". En Barcelona contan que Carolina López está dando o derradeiro moquete ao cadáver do seu home.

A cuestión ten un único ámbito limitadamente social porque a herdanza pertence á familia do escritor e non entrou nos xulgados. Para explicar o asunto pode recorrerse á cita do profeta Xeremías que Truman Capote fai na cabeceira de Outras voces, outros ámbitos: "O corazón humano é enganoso e dorosamente perverso. Quen pode coñecelo?".

Comentarios