Descobren na ría de Arousa un tipo de babosa mariña "xigante"

Outra das características deste nudibranquio, que catalogou o GEMM, é que foxe dos perigos nadando mediante fortes contraccións

O Grupo de Estudo do Medio Mariño en Galicia (GEMM) atopou nas augas da ría de Arousa unha especie nova até agora descoñecida, un tipo de babosa mariña que se confundía con outra atopada habitualmente máis ao norte. 

O novo animal bautizouse como Maronia gemmii, en honra ao GEMM e ao seu labor de catalogación da fauna mariña de Galicia durante máis de 10 anos. 

Trátase dun animal pertencente ao grupo dos nudibranquios, babosas mariñas de pequeno tamaño e espectacular colorido, moi populares entre os mergulladores. 

Unha das súas características máis rechamantes é o seu tamaño: case 20 centímetros

Unha das características máis rechamantes da nova especie é, precisamente, o seu tamaño, de case 20 centímetros, que a converte nunha das máis grandes entre as súas conxéneres a nivel mundial

Este xigante, como o describe o GEMM, é relativamente común nas augas da ría de Arousa, pero até agora identificouse "erroneamente como Tritonia hombergii, unha especie máis norteña". 

Outra das peculiaridades do novo animal é a súa capacidade para escapar de posibles perigos "nadando"

O mesmo ocorría no Golfo de Cádiz, onde se atopou un individuo pertencente a esta nova especie, o que fai pensar que poida estar presente noutras zonas da Península Ibérica, segundo revela o GEMM. 

Outra das peculiaridades do novo animal, á parte do seu tamaño, é a súa capacidade para escapar de posibles perigos "nadando" mediante fortes contraccións do seu corpo, que lle permiten levantarse da auga na zona da columna para deixar que a corrente o arrastre lonxe do potencial perigo. 

O traballo no que se describen de forma detallada as características desta nova especie foi publicado recentemente na revista científica Invertebrate Systematics