Deteñen a un home en Ferrol tras un atropelo mortal

O suxeito circulaba baixo os efectos do alcol

Un home foi detido este xoves en Ferrol tras atropelar co seu vehículo a outro home que perdeu a vida a consecuencia do suceso, segundo informaron fontes municipais.

O Concello ferrolán comunicou que o suceso se desencadeou este xoves na estrada de Castela, á altura do barrio de San Xoán de Filgueira.

Trátase dunha das vías neurálxicas do centro urbano da cidade, que a une co veciño municipio de Narón.

O consistorio asegurou que o condutor "foi detido; circulaba baixo os efectos do alcol".

Así mesmo, detallou que se están instruíndo as dilixencias correspondentes" por este incidente.

A Policía Local ferrolá, segundo o goberno local, non puido facilitar polo momento máis datos sobre o sinistro, ocorrido pouco antes das sete da tarde na citada vía.