Detida unha muller en Ourense por subtraer diñeiro do domicilio no que traballaba

A muller, que se encargaba de realizar tarefas de limpeza no domicilio, levou máis de 1.600 euros en metálico

Axentes da Policía Nacional de Ourense detiveron a unha muller de 51 anos de idade como presunta autora dun delito de roubo con forza de máis de 1.600 euros nun piso da zona centro da cidade, no que realizaba labores de limpeza. 

Segundo informou a Policía Nacional, o pasado 28 de xuño acudiuse en dependencias policiais unha muller para presentar denuncia polo feito ocorrido en días anteriores no seu domicilio. Manifestou que alguén subtraera 1.650 euros dunha hucha con cadeado do seu domicilio e sospeitaba da muller que realizaba a limpeza na vivenda. 

Axentes de Policía de UDEV da Comisaría Provincial de Ourense iniciaron unha investigación que culminou coa detención da presunta autora do feito delituoso, que foi trasladada a dependencias policiais para continuar coas xestións. 

A detida é unha muller de 51 anos de idade natural de Ourense, á que non lle constan arrestos anteriores. Quedou en liberdade en dependencias policiais, segundo confirmaron as mesmas fontes. 

Comentarios